O PP de Burela acusou este martes ao alcalde, o socialista Alfredo Llano, de “presionar a determinado persoal” dentro do conflito laboral aberto pola esixencia dos traballadores municipais da aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT).
O grupo municipal popular asegura que o rexedor está a demostrar “un talante totalitario e caprichoso” e afirma que ten constancia “de supostas presións a determinado persoal, que é o máis vulnerable pola súa condición laboral, o que demostra covardía e baixeza moral”.
Os conservadores esíxenlle ao alcalde que “convoque xa a mesa de negociación, que presente un documento de proposta de RPT, unhas bases para recuperar o fondo social dos traballadores, un documento para negociar o abono dos servizos extraordinarios. Todo o demais serán fogos de artificio”, conclúen.
Os populares subliñan que “na historia deste Concello só se trataron dúas RPTs: a de 2006 elaborada polo PP, que é a que está en vigor, e a que se presentou a principios de 2015, tamén polo PP, e que non foi aprobada polos traballadores.
PROTESTAS
Os traballadores municipais concentráronse durante o mes de xaneiro diante do consistorio para reclamar as melloras laborais e económicas que conlevaría unha RPT que levan a demandar “oito anos”. Llano asegurou que en febreiro retomará as negociacións para a elaboración do documento.