Os tres partidos con representación na corporación municipal de Lourenzá (PSOE, PP e BNG) acordaron apoiar a iniciativa cidadá de homenaxear ás figuras de Luis Trigo Chao, ‘O Gardarríos‘, e da súa compañeira Antonia Díaz Pérez.
O acto está previsto para o día 23 de xuño, con motivo do 70 aniversario do seu asasinato en Vilanova, a mans dos franquistas. A organización pretende que sirva como recoñecemento a todas aquelas persoas que colaboraron na loita antifranquista.
O programa inclúe unha mesa redonda en Mondoñedo, en horario matinal, e a inauguración dun monolito no cemiterio laurentino, pola tarde, logo dun xantar de confraternización. Anotan no 608.98.74.74 e tamén no correo electrónico homenaxegardarrios@gmail.com.