O Concello de Foz poñerá o vindeiro martes á venta as entradas para a cea-baile de coroación da raíña do Entroido, que se celebrará o 16 de febreiro.
O evento comezará ás 22.00 horas na Sala Bahía. Os interesados poderán retirar as súas tarxetas na delegación de cultura a partir do día 5, de 09.00 a 14.00 horas.
O prezo da entrada é de 25 euros, que incluirá un menú de Entroido consistente en sopa, costela asada con guarnición, viños tinto e branco, sobremesa, café e chupiño. Puzzle Animación amenizará a gala.
A retirada de tarxetas farase o 5 de febreiro, martes, e días sucesivos ata que se acaben as prazas. A compra das entradas será de xeito presencial.
“Unha persoa responsable por mesa retirará os boletos só para o seu grupo, previo pago, e adxuntará unha listaxe nominativa das persoas que irán. Non haberá reservas telefónicas nin por outro medio”, indican desde o Concello, para engadir que “non estará permitida á entrada ás persoas que non asistan á cea e os menores só poderán asistir con permiso e acompañados por un adulto”.
SABELA PICO, A RAÍÑA
Sabela Pico Lombán será coroada no evento como a raíña do Entroido de Foz 2019. A organización agradece aos asistentes que acudan á cea disfrazados.