A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, precisou este mércores que “25.004 xubilados da Mariña Lucense que viven dunha pensión beneficiaranse da suba da prestación que permiten os Presupostos Xerais do Estado (PXE) para 2019”.
A representante do Executivo central na provincia de Lugo incidiu no “carácter social” das contas, para resaltar que “o Goberno implícase na recuperación do Estado do Benestar, dándolle prioridade a colectivos como os pensionistas, os desempregados, ás mulleres maltratadas ou aos mozos que precisan dunha bolsa para poder estudar, que foron vítimas das políticas regresivas dos gobernos do PP”.
Tralas críticas da oposición ás partidas destinadas na proposta de orzamentos para a bisbarra, especialmente no tocante a ausencia de melloras nas infraestruturas, Rodríguez asegura que “o investimento real en obra pública no conxunto da provincia aumenta este ano un 18,24% respecto do previsto nos PXE do ano pasado. A Mariña beneficiarase neste aspecto dunha achega de 9.572.490 millóns de euros”.
9,5 MILLÓNS EN OBRA PÚBLICA
A partida de maior cuantía, cinco millóns, está destinada ao sistema de protección antinéboa da A-8 entre Mondoñedo e A Xesta. Á N-642 dedícanse 2.280.620 euros para a rehabilitación de firme. Para a autovía da Mariña, A-74, nos orzamentos inclúense tres partidas que suman máis de 1,8 millóns de euros, dos que 1,2 millóns son para o treito Burela-San Cibrao, 446.000 para o de Foz a Burela e 100.000 para Barreiros-Foz.
O ministerio de Fomento tamén ten prevista, en Mondoñedo unha actuación, dentro do programa de rehabilitación arquitectónica para o acondicionamento dunha parcela para aparcadoiro na Travesía Casas Novas, ao que os PXE dedican unha partida de 15.450 euros. Outros programas de Fomento son para axudas á rehabilitación de vivenda ou subvencións ao transporte.
Pola súa parte, o ministerio de Transición Ecolóxica reserva unha partida de 430.000 euros para actuacións na costa da Mariña.