Foz Plataforma de Futuro (FPF) rexistrou unha moción para que o goberno municipal busque financiación e faga os trámites necesarios para construír un auditorio no solar de Vialmar, fronte á casa da cultura.
O grupo independente súmase así ao BNG focego, que rexistrara unha iniciativa para que o Concello consultase a compra do solar desta zona. Independentes e nacionalistas consideran que sería unha ubicación axeitada, fronte á intención do goberno local de levantar a instalación na horta do asilo.
FPF E BNG PIDEN ESTA UBICACIÓN MENTRES O GOBERNO LOCAL APOSTA POR CONSTRUÍR A INSTALACIÓN AO PÉ DO XERIÁTRICO
O voceiro de FPF, Luis Alfonso Sixto Legaspi, considera que o espazo anexo ao xeriátrico non se trata da mellor opción, “sobre todo pensando nas zonas de aparcamento e nos accesos para dar uso a un auditorio que traería moitos veciños dos pobos cercanos”.
O ALCALDE “FIXO CAMPAÑA”
Sixto Legaspi aféalle ao alcalde, o popular Javier Castiñeira, que malia que FPF presentou unha iniciativa para a construción do auditorio, que foi aprobada pola corporación, o rexedor “aproveitou este tema para facer campaña, explicando que fixera xestións fronte ao presidente da Xunta de Galicia para este fin”.