O comité de empresa de Alcoa San Cibrao mantivo este xoves unha reunión co director e presidente da compañía en España, Rubén Bartolomé, e o xefe de persoal da multinacional de aluminio en Europa, Borja Alvear.
Os representantes dos traballadores foron informados do acordo asinado en Madrid entre a empresa e os sindicatos e refrendado polo persoal de Avilés e A Coruña. Sen achegar o documento escrito, a dirección da empresa ofreceu baixas incentivadas para xerar vacantes na planta sancibrense, onde se ubicaría a obreiros das fábricas avilesina e coruñesa.
A proposición de Alcoa inclúe ata 106 posibles prexubilacións, tanto na planta de alúmina como na de aluminio.
Poderán adherirse os traballadores de 57 anos ou máis ao 31 de decembro de 2018, cun complemento que, sumado á prestación por desemprego, alcance as porcentaxes seguintes: de 57 a 59 anos, o 74% do salario anual bruto ata os 64 anos, e de 60 ata 65 anos, o 78% salario anual bruto ata os 65 anos.
O comité de empresa sancibrense mostrou a súa negativa a falar de baixas incentivadas “mentres a empresa non garanta o contrato fixo para os 84 eventuais -entre ETT’s, temporeiros e bolseiros– que hai na actualidade”, e instou á multinacional a solventar “a carencia de persoal que padecemos nas dúas plantas”.
Os sindicatos tamén afearon á multinacional que negociase cláusulas do acordo que afectan a San Cibrao “de costas aos representantes legais dos traballadores afectados”.
PRAZO
Os sindicatos convocarán aos traballadores a un referendo para decidir sobre a proposta da empresa. A súa decisión será vinculante; de non aceptar o acordo, non se aplicará. Os empregados de San Cibrao teñen ata o 1 de marzo para presentar unha resposta.