EFE. Cinco persoas foron condenadas a penas de nove a once anos de cárcere por transportar media tonelada de cocaína de Ecuador a Galicia, por decisión da Audencia Provincial de Lugo, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A carga estaba destinada a unha empresa de Viveiro, onde se iniciou a investigación.
A droga, cun valor de 17,8 millóns de euros no mercado ilícito, foi transportada mediante operacións simuladas de importación de peixe conxelado a través da empresa de Viveiro, da que un dos acusados era administrador único.
Os cinco foron detidos en outubro do 2010 tras incautarse dun alixo de 513 quilos de cocaína en dous contedores no porto pontevedrés de Marín. A droga estaba camuflada en paquetes dun quilo cada un, nunha carga de peixe conxelado dun barco procedente de Ecuador, destinada a unha empresa do municipio de Viveiro.
O TSXG non facilitou datos sobre a identidade dos condenados, pero no momento da detención foron identificados como tres residentes en Vilagarcía de Arousa, outro na comarca do Illa e un en Valga.
SANCIÓN ECONÓMICA
A Aduencia condenounos por delito de tráfico de drogas, coa atenuante de dilacións indebidas, e impúxolles nove anos de cárcere e unha multa de 70 millóns de euros a catro deles, e a outro unha pena de once anos de prisión ademais da mesma sanción económica, debido ao agravante de reincidencia.
O xuíz considera probado que os sospeitosos mantiveron contactores e reunións no Corgo e Madrid para introducir en España a droga mediante transporte marítimo, e para iso simularon operacións comerciais.