O canteirán do Pescados Rubén Burela FS Christian Rivas García, ‘Pitero’, vestirá a zamarra do conxunto laranxa ata 2021. O á-pivote (Burela 19/10/1999), internacional coa selección española sub-19, formalizou a súa renovación por dúas tempadas nun acto no que estivo arroupado polo presidente, Manuel Blanco, e o adestrador do primeiro equipo, Juanma Marrube.
IRRUPCIÓN
O 9 laranxa, que vive a súa primeira tempada como sénior, tivo unha aparición determinante no primeiro equipo, con seis tantos en 15 encontros xogados. O xove futbolista mariñao atópase en proceso de recuperación dunha pubalxia, da que evoluciona favorablemente.
“Esta é a miña casa e non podo pedir máis. Antes de acabar a primeira volta, o club xa me trasladou a súa intención de renovación; foi todo moi doado porque ese tamén era o meu desexo”, indicou o xogador, que agradeceu a Marrube “a confianza que me deu“.
“EXEMPLO” PARA A BASE
Blanco, pola súa banda, destacou a “dedicación” de Pitero, que é “un exemplo para a base. Asumiu o reto lanzado dende o club, deu o paso adiante que lle pedía o adestrador con traballo e implicación. Sen dúbida é unha promesa que ten un gran futuro por diante se continúa nesta liña, con constancia e traballo diario”, concluíu.