Dezaseis expertos en turismo –xornalistas e representantes de axencias especializadas nacionais e internacionais– coñecen desde este xoves ata o 9 de febreiro os atractivos Camiño Norte co FAMTRIP da Deputación Provincial de Lugo.
O goberno provincial busca con esta viaxe de familiarización dar a coñecer o potencial da ruta, co obxectivo de dinamizala a nivel turístico de cara ao Xacobeo 2021, e convertela “nunha alternativa idónea ao masificado Camiño Francés”.
Participarán representantes de Go Camino (Bélxica), MAE Peregrina Tours (Portugal), Ponte Atlántica Produçao (Brasil), Traveller 24.com (Sudáfrica) e Walk the Camino e Corazón Travel (Reino Unido).
Tamén coñecerán a ruta co FARMTRIP membros de Revista Otros Destinos, Viajar, Correos, La Razón, Go Travel e Spain is More.
PROGRAMA
Os participantes percorrerán varios tramos dalgunhas etapas do Camiño Norte e visitarán os lugares histórico-culturais e gastronómicos do entorno máis relevantes.
Así, este xoves achegáronse ao casco histórico de Ribadeo, á Praia das Catedrais, ao mosteiro de San Salvador de Lourenzá e ao tamén laurentino Pazo de Tovar.
Na xornada do venres, estes profesionais do turismo percorrerán dous quilómetros do tramo de entrada do Camiño en Mondoñedo. Logo desfrutarán dunha visita guiada polo patrimonio histórico-artístico da cidade, incluída a zona vella e a catedral. Despois desprazaranse ata o centro de interpretación da ruta e ao barrio artesán dos Muíños.
Xa pola tarde, percorrerán outros dous quilómetros do Camiño do Norte, o tramo Castromaior–Martiñán.
Finalmente, o programa do sábado incluirá unha visita ao Museo de Arqueoloxía e Prehistoria de Vilalba, a unha queixería D. O. San Simón da Costa e percorrerán outros dous quilómetros do tramo San Alberte do Camiño do Norte.
O deputado de turismo, Eduardo Vidal, destaca que este FAMTRIP “é o mellor escaparate para impulsar este importante produto turístico que atravesa a nosa provincia. Ao vivir a experiencia en primeira persoa, as axencias de viaxes participantes poderán transmitir e vender mellor aos seus clientes este destino xacobeo da provincia de Lugo”, asegurou.
“Os xornalistas especializados en viaxes difundirán nas súas reportaxes, con maior detalle, todos os encantos e recursos naturais, histórico-culturais e gastronómicos do Camiño do Norte ao seu paso pola nosa provincia”, concluíu.
A TERCEIRA RUTA MÁIS ELIXIDA
O Camiño Norte consolidouse no terceiro posto dos camiños, por detrás do Camiño Francés e do Camiño Portugués.
En dez anos triplicou o número de peregrinos sendo escollido por case 20.000 persoas na súa peregrinaxe a Compostela segundo os datos de 2018 da Oficina de Acollida ao Peregrino do Arzobispado de Santiago. Trátase dun Camiño menos masificado e con moito potencial de crecemento.