Miles de persoas manifestáronse este domingo en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública galega.
Respaldaron a protesta, convocada por Sos Sanidade Pública, membros de todos os partidos con representación no Parlamento galego, agás o Partido Popular, que preferiu asistir á mobilización convocada en Madrid contra as negociacións entre o Goberno central e o independentismo catalán.
CONTEXTO DE CONFLITIVIDADE
A manifestación enmárcase nun contexto de conflitividade na sanidade galega, marcado pola folga de traballadores de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a demisión dos xefes de atención primaria da área de Vigo ou das protestas do sector das ambulancias.
Na Mariña lucense, a situación do servizo de pediatría en Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros provocou mobilizacións sociais, así como o “caos” no centro de saúde e do Punto de Atención Continuada (PAC) de Viveiro polas baixas non cubertas dos profesionais. Tamén se denunciou o “deterioro” da fisioterapia tralo remate do concerto que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) tiña cunha clínica privada.
MANIFESTO
O manifesto lido por Quico Cadaval e Isabel Risco expuxo que “a Xunta de Galicia, gobernada polo PP, está orientada a recortar, desmantelar e privatizar a sanidade pública galega. Co argumento de afrontar a crise económica, o Executivo de (Alberto Núñez) Feijóo recortou nun 20% desde 2008 o orzamento sanitario, suprimindo máis de 1.000 prazas de persoal ou 500 camas hospitalarias”, subliñou.
Os manifestantes alertaron de que “as consecuencias destes recortes” son “a masificación de consultas de atención primaria, o deterioro dos Puntos de Atención Continuada (PAC), o colapso de urxencias, a ocultación das listaxes de agarda ou a rebelión dos servizos de ambulancias contra condicións indignas de traballo”.
Así, esixen a apertura dun “novo plan de mellora de atención primaria”, elaborado a partir da apertura “dunha mesa de diálogo para obter un consenso”, cun aumento do orzamento “ata chegar ao 25%” e da “autonomía dos centros de saúde, con capacidade de xestión organizativa”.
Podes ler o manifesto completo neste enlace do Galicia Confidencial.
BUSES DESDE A MARIÑA
Tanto a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña como a CIG-Saúde fletaron autobuses para participar na concentración. Tamén saíu outro de Viveiro. Centos de mariñaos, que tamén se desprazaron en coches particulares, participaron na protesta.