O candidato á alcaldía ribadense da listaxe independente ‘Ribadeo nos une‘, Ramón Acuña, e mailo número 2, Antonio Vicente, asinaron ante notario que no caso de gobernar tralas vindeiras eleccións municipais non cobrarán soldos das arcas municipais.
O alcaldable dos independentes explicou que “fixemos un compromiso de que, en case de que alcancemos o goberno local, ou de que por algunha circunstancia teñamos que facernos cargo dalgunha delegación, non teriamos ningunha remuneración salarial do Concello”.
O cabeza de listaxe dos independentes critica o gasto municipal en salarios, que supón “un importe de 600.000 euros ao longo dos catro anos deste mandato”.
“Este diñeiro débese destinar a obras ou axudas sociais”, entende Acuña, que asegura non comprender como, “neste intre, os servidores públicos están simplemente ao seu propio servizo”.
XUBILADOS
Acuña expuxo que “a nosa situación persoal neste momento, tanto a do número 1 como a do número 2, é que estamos xubilados. Cremos que estamos a cobrar un salario bastante digno, que o noso tempo hai que cedelo á cidadanía e que podemos investir eses cartos noutras cousas”.
INSTA AOS DEMAIS CANDIDATOS A FACER O MESMO
O candidato de ‘Ribadeo nos Une’ cre que o compromiso adoptado polos cabezas de listaxe da candidatura independente debera “ser secundado por todos aqueles que esperan alcanzar a alcaldía do noso municipio, para que dese xeito se entenda por parte de todos que o feito de estar no goberno non é para que as nosas economías persoais aumenten, senón para facer un servizo para o pobo”.
PRESENTOU SEIS MEMBROS DA LISTAXE
O grupo independente presentou a mediados do pasado mes de xaneiro os seis primeiros integrantes da súa candidatura electoral.