José Manuel Lamela repetirá como candidato do Partido Popular á alcaldía do Valadouro, onde foi rexedor entre o 2011 e o 2013 despois de formar parte do equipo de goberno durante catro lexislaturas.
Lamela perdeu a alcaldía no 2013 trala presentación dunha moción de censura por parte do PSdeG, Udival e BNG. Nas eleccións municipais no 2015 volveu gañar, máis cunha maioría que foi insuficiente ante o pacto de goberno de socialistas e nacionalistas.
Lamela asegurou á presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, que aposta “pola renovación da candidatura” e “pola xente nova” na procura “dun cambio no goberno local.
O candidato popular cre que “todo está peor que fai seis anos”. De feito, “o goberno local non avanzou nada na implantación do polígono industrial do Valadouro, a pesar de que deixaramos iniciados xa os primeiros trámites coa modificación puntual das normas subsidiarias para a súa construción”.
COOPERATIVA DE VIVENDAS
Os populares do Valadouro cren que o impulso de novas vivendas no municipio é positivo, pero aseguran que “a creación dunha cooperativa non é a forma máis axeitada” porque “os interesados e interesadas terían que facer fronte a unha hipoteca á que moitos mozos e mozas non poderían”.
Neste senso, o PP quere negociar co Instituto Galego de Vivenda e Solo a construción de vivendas de protección oficial, ás cales poderían acceder os veciños e veciñas interesados e interesadas ben a través da compra ou ben a través dun arrendamento.