O presidente da Confederación de Empresarios na Coruña e portavoz da patronal en Galicia (CEG), Antonio Fontenla, asegurou que ten constancia de que “un empresario galego” ten interese en comprar a instalación de Alcoa, en referencia ás factorías da Grela e de Avilés. Con todo, haberá que agardar, di, para ver se a multinacional norteamericana está disposta a vender e, por tanto, a ter competidores.
“Eu creo que hai posibilidades, díxeno hai meses e ratificoumo hai pouco nunha reunión en Madrid un empresario galego que ten interese en comprar”.
“DESMANTELAMENTO” INDUSTRIAL
Fontenla sostén que se está vendo UN “desmantelamento” da industria “non só en Galicia senón en toda España“, ante as dificultades para as empresas electrointensivas polo elevado custo da enerxía, “moito máis cara que noutros países, como Canadá ou Australia”.
Ante esta situación, cre que hai que buscar “unha regulación“que supoña que non se cambie o prezo da enerxía cada seis meses.
TARIFA ELÉCTRICA GALEGA
Con todo, cre que unha “tarifa eléctrica galega“, como reclaman algunhas formacións, “é un tema moi difícil de lograr” pese a que “os políticos, ás veces, son sabios”. Aposta, en cambio, por cuestións que sexan homoxéneas porque “nunhas cousas poderían beneficiar e noutras prexudicar”.
Podes ler a nova completa en Galicia Confidencial.