O BNG de Viveiro acusa á Xunta de Galicia de “eludir calquera tipo de responsabilidade” sobre a riada que asulagou Xunqueira no pasado mes de novembro, e que causou a morte dunha persoa.
O grupo parlamentario nacionalista presentou unha pregunta na Comisión permanente de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos.
O partido frontista inquiriu á Xunta sobre “se tiña constancia das advertencias da veciñanza sobre un tapón provocado por restos de desbroce na Ponte de Pedro Mestre” e sobre “por que non levou a cabo os traballos de limpeza do río”, así como “cales eran as medidas preventivas” a impulsar para evitar unha catástrofe similar.
O BNG viveirense critica que o Goberno galego “non sexa capaz de admitir que era coñecedor das denuncias remitidas pola veciñanza de Xunqueira, advirtindo da falta de limpeza do río”.
Os nacionalistas cualifican de “sorprendente” a resposta da Xunta, que sinala que o Executivo autonómico “aposta por traballar, da man do concello e demais administracións, para facer unha reflexión conxunta e global e poñer os medios necesarios para tratar de evitar que o sucedido en Xunqueira se poda volver repetir”.
Para o grupo municipal do Bloque, outro exemplo da intención de eludir responsabilidades é “a elaboración en tempo récord da instrución 1/2019, de 7 de xaneiro, para o establecemento de directrices técnicas de conservación fluvial de carácter ordinario e a súa publicación no DOG 18/01/2019, co fin de trasladar parte das súas competencias e responsabilidades aos concellos, indistintamente do seu tamaño e a súa capacidade ecónomica”.
LIMPEZA
Os nacionalistas aseguran que “tanto a Xunta como o Concello continuan sen ter rematado os traballos de limpeza en diversos puntos das zonas afectadas polo desbordamento deste río, tales como sucede no lugar de Carreira, entre outros, cuxo acceso segue cortado”.