Foz Plataforma de Futuro presentou unha moción para debater no vindeiro pleno, a fin de aprobar desde o Concello unha declaración institucional en apoio á folga feminista do 8 de marzo.
Os independentes propoñen ao pleno instar ao goberno local a que tome as medidas necesarias para garantir o exercicio do dereito de folga por parte de todas as traballadoras municipais que se sumen á reivindicación.
Outro dos acordos propostos é colocar a bandeira feminista no consistorio como acto simbólico.
Finalmente, a iniciativa presentada propón “apoiar activamente” os eventos, reivindicacións e accións convocadas co mesmo obxectivo que a folga, “antes ou despois desa data”.
VIOLENCIA
Na exposición de motivos, Foz Plataforma de Futuro lamenta que “nos últimos tempos fomos testemuñas dun asasinato que deixou marcada a nosa vila, polo que a conclusión é clara: o machismo mata, mais os feminicidios son a punta do iceberg; pero son moitas as condutas, accións, omisións, que tamén son expresións da violencia machista e reflicten que a desigualdade existente”, asegura.
FENDA SALARIAL
Neste senso, os independentes subliñan “a fenda salarial entre xéneros é do 22%” ou “a carga desproporcionada de traballo na casa non remunerado” como outros exemplos da lexitimidade da folga do 8-M. Así, conclúen que a loita feminista é “cousa de todos”.