O comité de Alcoa San Cibrao chegou na noite deste xoves a un preacordo coa multinacional tralas negociacións sobre a situación de 64 obreiros de Empresas de Traballo Temporal (ETT) e eventuais, logo de máis de cinco horas de conversas.
Para este venres, a partir das 12.00 horas, está prevista unha asemblea de traballadores na que o comité de empresa transmitirá as condicións do pacto -que polo momento non se fixeron públicas- ao cadro de persoal. Serán os propios empregados os que deberán validar ou rexeitar a proposta dos sindicatos.
O preacordo entre a empresa e os sindicatos evita, polo momento e á espera da decisión do persoal, os dous días de folga solicitados, o domingo 24 (nas quendas B, C e D) e o xoves 28 (quendas A, E e xornada normal).
O comité de empresa tamén pedira a autorización correspondente para realizar unha manifestación o martes 26, ás 7.15 horas, desde subministros.
CONTRATOS DE RELEVO
A proposta inicial do comité de empresa foi a contratación dun dos 64 temporeiros de San Cibrao por cada un dos obreiros da Coruña e Avilés que Alcoa pretendese reubicar na planta de Cervo. Deste xeito, aspiraba a garantir os contratos de relevo pactados no convenio laboral.
ATA O 1 DE MARZO
Os traballadores teñen ata o primeiro de marzo para comunicar a Alcoa a súa decisión sobre o acordo entre a multinacional e os sindicatos das plantas coruñesa e a avilesina, validado polo persoal da Grela e San Balandrán no mes de xaneiro, e que inclúe prexubilacións en San Cibrao para reubicar empregados.