IniciosociedadeSometido a información pública o anteproxecto da nova depuradora de Foz

Sometido a información pública o anteproxecto da nova depuradora de Foz

A EDAR, que se ubicaría no polígono da Granda, tería un investimento de 12,2 millóns e capacidade para atender ao equivalente a 22.300 persoas

Publicada o

- Advertisement -

Augas de Galicia someteu este xoves a información pública, cun período de consultas de 30 días, o anteproxecto e estudo de impacto ambiental da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Foz, cun orzamento de máis de 12,2 millóns. O ente autonómico asegura que instalación, que se ubicaría na Granda, podería atender ao equivalente a 22.342 habitantes.

O documento técnico e ambiental, cuxa resolución foi publicada este xoves no Diario Oficial de Galicia, pode consultarse neste enlace.

As obras proxectadas consisten na execución dunha nova EDAR nunha zona próxima ao polígono industrial de Caldouceiro ou A Granda –entre Forxán e Fazouro-, con “capacidade suficiente para o tratamento dos caudais xerados”, segundo expón Augas de Galicia.

REDE DE SANEAMENTO

Ademais, planéanse unha serie de intervencións nos colectores xerais da rede de saneamento que permitan o transporte ata a nova localización da depuradora e o vertido ao medio tras o seu tratamento.

O anteproxecto que se somete a información pública inclúe un tanque de tormentas para evitar rebordamentos, cunha capacidade de retención de 1.000 metros cúbicos e situado xunta á antiga EDAR de Foz, así como a modificación dos actuais bombeos para ampliar o seu caudal e cabida.

o proxecto inclúe intervencións nos colectores da rede de saneamento e un tanque de tormentas onde a antiga edar

Tamén prevé conducións de impulsión e colectores por gravidade, mantendo a rede que leva os afluentes residuais á EDAR actual, pero complementándoa para facer chegar a auga residual á nova depuradora. Na nova instalación, precisa Augas de Galicia, o bombeo de cabeceira realizarase na Avenida de Viveiro.

Unha vez entre en servizo a nova EDAR, procederase á demolición da actual depuradora, ubicada na contorna do porto.

A intervención persegue, segundo expón o ente autonómico, “resolver a falta de capacidade de xestión en caudais e en carga do sistema de saneamento, tanto en tempo seco como en choiva, co obxectivo de dar cumprimento ao esixido pola Directiva 91/271/CEE”.

Segundo expón Augas de Galicia, a actuación está deseñada para atender as necesidades tanto dos residentes coma dos turistas. O ente autonómico lembra que a poboación fixa de Foz “pode medrar na época estival en 13.809 habitantes, entre ocupación de prazas hoteleiras e segundas residencias”.

FINANCIAMENTO

A Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, achegará o 80% do financiamento desta obra hidráulica da Xunta de Galicia.

“A OBRA MÁIS IMPORTANTE”

O alcalde de Foz, o popular Javier Castiñeira, subliñou que “para o goberno municipal é unha nova moi importante, un paso adiante para solucionar un dos problemas maiores que ten este concello, o do saneamento”.

Castiñeira felicítase porque considera o proxecto “a obra máis importante que se fixo no concello durante os últimos anos”, e porque malia que Foz alcanza na época estival picos de poboación de entre 25.000 e 30.000 persoas, “a capacidade da nova depuradora non será un problema”.

A UBICACIÓN, POLÉMICA

A situación actual “afecta á nosa ría, ao noso turismo e ao convivir dos nosos veciños, posto que se situou no seu día unha depuradora nun sitio que non é axeitado, e cun sistema que a día de hoxe non cumpre as expectativas para un pobo como é Foz”, afirmou o rexedor.

Neste senso, a ubicación da nova depuradora foi obxecto de polémica ao longo da década. Primeiro barallouse levantar a instalación en Sarrido (Fazouro), o que topou coa oposición veciñal, de xeito que se estudou reformar a actual depuradora. A opción de Forxán foi rexeitada pola corporación en decembro do 2013.

Puntuación das distintas alternativas. AXM

Tamén suscitou controversia entre as asociacións de veciños a proposta actual na Granda. En xuño do 2017, o goberno local e Foz Plataforma de Futuro (FPF) desestimaron unha alegación do colectivo veciñal San Gonzalo contra o inclusión de partidas relacionadas coa construción da depuradora no suplemento de crédito do orzamento municipal.

a opción de caldouceiro quita mellor puntuación cás de forxán ou sarrido

Castiñeira resalta que este lugar “é a mellor alternativa que sae no estudo, con menos casas arredor e menos lesiva”. No informe dos técnicos, a ubicación da Granda recibe 3,981 puntos, mentres que opcións como Forxán (3,474) ou Sarrido (3,437) levan unha puntuación menor.

Así, o rexedor espera que o estudo axude a zanxar unha polémica sobre a ubicación que se dura anos. “Hai unha maioría de oito votos favorables na corporación e creo que estamos todos de acordo en que o importante é quitar a depuradora do casco urbán”, argumenta.

o alcalde agarda que se licite a obra “no 2019” e que a nova edar funcione “xa no 2020”

LICITACIÓN

Malia que o proceso dependerá da cantidade e complexidade das alegacións presentadas, Castiñeira agarda poder licitar a obra “ao longo deste 2019 e tela xa en funcionamento no 2020″.  

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...