O comité de empresa de Alcoa San Cibrao someterá a referendo o preacordo alcanzado coa dirección da multinacional do aluminio o pasado xoves, que implica a aceptación da recolocación en Cervo de obreiros das fábricas de Alcoa e Avilés, a cambio de que se garanta a continuidade de 41 temporeiros.
Estes empregados cumpriron o período de proba de sete meses na empresa coa avaliación de aptos, polo que serán dados de alta ben por contrato de relevo ou ben por contratos indefinidos para cubrir vacantes xeradas por incapacidade que se produzan ata o 31 de decembro de 2020.
BAIXAS INCENTIVADAS
Os sindicatos informaron aos seus compañeiros sobre o pacto nunha asemblea celebrada este venres. Os representantes dos traballadores aceptaron a proposta da empresa, que propuxo ata 106 baixas incentivadas tanto na fábrica de aluminio coma na de alúmina de San Cibrao, para facer sitio aos empregados da Grela e San Balandrán.
Poderán acollerse a estas prexubilacións, sempre voluntarias, traballadores de 57 ou máis anos a 31 de decembro de 2018, cun complemento que, sumado á prestación por desemprego, alcance as porcentaxes seguintes: de 57 a 59 anos, o 74% do salario anual bruto ata os 64 anos, e de 60 ata 65 anos, o 78% salario anual bruto ata os 65 anos.
PROTÉXESE ÁS AUXILIARES
Os traballadores de Avilés e A Coruña que desexen acollerse á posibilidade de traballar na planta cervense poderán ocupar así estas vacantes. O comité de empresa asegurou na negociación que estes operarios non virán a substituír en ningún caso a obreiros de empresas auxiliares ou a facer os seus traballos.
Deste xeito, os sindicatos, que pedían no inicio das negociacións a contratación dun temporeiro de San Cibrao por cada un dos obreiros de Avilés e A Coruña que a empresa pretendese reubicar, aseguraron a continuidade dos 41 que remataron satisfactoriamente o período de proba, o que supuña a liña vermella do comité de empresa dentro das conversas.
Así, os temporeiros de San Cibrao terán garantida a súa continuidade cos contratos de relevo. Os traballadores de Avilés e A Coruña atoparán sitio a partir do que deixen os empregados que se acollan ás baixas incentivadas.
RESTANTES TEMPOREIROS
No tocante a outros 28 ETTs e eventuais pendentes de rematar o período de avaliación, non se lles asegura a continuidade na fábrica, aínda que o preacordo sinala que serán persoal preferente no caso de que Alcoa precise contratar persoal do seu grupo profesional con contrato de carácter indefinido.
Segundo precisou o comité, nove ETTs e eventuais acadaron un contrato indefinido desde o pasado 15 de xaneiro.
PASE DE OPERARIOS
No tocante ao pase de operarios de aluminio a alúmina, o acordo recolle que “revisarase por parte da planta as aptitudes e coñecementos para avaliar o seu encaixe no posto e de darse o caso autorizarao”.
Finalmente, “no suposto de falecemento do traballador afectado antes da finalización do plan (por cumprir a idade que corresponda segundo o colectivo no que se encontre), o beneficiario designado terá dereito a seguir percibindo as rendas do complemento que lle quedaran ao traballador falecido por percibir nos correspondentes vencementos”, expón o preacordo.
DESCONVOCADA A FOLGA
O preacordo entre a empresa e os sindicatos evita os dous días de folga solicitados, o domingo 24 (nas quendas B, C e D) e o xoves 28 (quendas A, E e xornada normal).
O comité de empresa tamén pedira a autorización correspondente para realizar unha manifestación o martes 26, ás 7.15 horas, desde subministros.
REFERENDO
Arredor de 1.200 traballadores de Alcoa -temporeiros incluídos- están chamados a aceptar ou rexeitar o preacordo a través do referendo, que se celebrará a finais desta semana e a que vén.
O vindeiro domingo, de 20.00 a 00.00 horas, votarán as quendas B e D de alúmina e aluminio. O martes 26, de 12.00 a 16.00 horas, farano os empregados das quendas C e E de alúmina e aluminio e dos operarios a xornada normal.
Finalmente, o xoves 28, de 9.00 a 11.00 horas, será a votación dos empregados das quendas A de alúmina e aluminio e dos traballadores de xornada normal.