Viveiro e Barreiros acollerán o vindeiro venres dúas conferencias impulsadas pola Confederación Intersindical Galega (CIG) para informar sobre a situación do sistema público de pensións, a súa viabilidade e as consecuencias das reformas aprobadas en 2011 e 2013. O relator será Luis Burgos, economista, membro do gabinete técnico do sindicato e representante da central no Consello Económico e Social (CES) do Estado.
A primeira das charlas será no salón de actos do edificio sindical en Viveiro, desde as 17.00 horas, mentres que a conferencia de Barreiros comezará ás oito da tarde, no centro social de San Cosme.
“CONQUISTA DOS TRABALLADORES”
O sindicato nacionalista resalta que “as pensións públicas son unha conquista da clase traballadora” e que “é a administración quen debe garantir uns servizos dignos. Facelo non é un problema económico, senón de vontade política”. A CIG ten convocada unha folga xeral para o vindeiro 19 de xuño.