O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para o proxecto de humanización da rúa Cotarelo, unha das máis céntricas do núcleo e que une a zona do consistorio coa vía Serra da Cadeira, onde se ubican vivendas de protección oficial.
Nesta vía ubícase a única entidade bancaria do municipio, a farmacia e unha clínica terapéutica. Ademais, na súa contorna hai unha praza, cun parque infantil e a igrexa parroquial, ademáis da Rúa do Concello, pola que transcorre o Camiño norte.
Malia o seu elevado tránsito, trátase dunha vía estreita, cun pavimento deteriorado, que conta con doble carril de circulación rodada e carece de beirarrúas nunha marxe da estrada.
Ante a sensación de inseguridade, a intención do goberno local é cambiar por completo a fisonomía da rúa e mellorar a accesibilidade “tanto para os vehículos como para os peóns“, e especialmente “para as persoas de mobilidade reducida” e para as crianzas que moran nas vivendas de protección oficial.
Así, o Concello redactou un anteproxecto que consiste na modificación do tráfico para obter un só de carril de circulación e outro de aparcadoiro, e para dotar á vía dunha beirarrúa de 2,20 metros na marxe dereita -onde se ubica a farmacia- e doutra de ancho variable, próxima ao metro, na parte onde non hai beiravía.
OBRA “PRIORITARIA”
A alcaldesa de Trabada, a socialista Mayra García Bermúdez, explica que as actuacións suporían un investimento “de 121.000 euros“. Unha cifra elevada para o municipio trabadense, que presentou unha solicitude de subvención ao Goberno galego para unha obra que considera “prioritaria”.
A rexedora trabadense cre que a actuación non só favorecería a seguridade viaria, senón que a dotación de servizos tamén “podería favorecer o asentamento de novas familias” no núcleo.