A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, anunciou a licitación “este mes” das obras de dragaxe que se executarán na canle de acceso ao porto comercial de Mirasol e na entrada da bocana da dársena náutica de Ribadeo.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Goberno galego iniciará nas próximas semanas o proceso de contratación desta obra, que conta cun orzamento de 500.000 euros.
A administración autonómica subliña que a obra responde a unha demanda dos usuarios e consignatarios do porto comercial e dos propietarios das embarcacións que fan uso dos amarres náuticos no porto deportivo da localidade. A dragaxe permitirá incrementar o calado e operatividade de ambas instalacións.
No que respecta ao peirao comercial de Mirasol o obxectivo da Xunta e conseguir un calado dun mínimo de catro metros e para iso prevese a draga nunha superficie aproximada de 26.000 metros cadrados e 17.000 metros cúbicos.
Pola súa banda, a zona de dragado da bocana náutica deortiva céntrase nas zonas próximas aos pantaláns e nunha superficie de 2.300 metros cadrados e 2.000 metros cúbicos na que se busca garantir un calado de tres metros.
“Nas dúas zonas a draga farase por medios mecánicos marítimos (métodos de succión) que garantan poder cumprir os prazos de execución e manter no tempo os novos calados existentes”, expuxo Balseiro.
A Xunta ten autorizado un punto de vertido do material a doce millas náuticas desde o porto de Ribadeo.
GALEÓN
Como curiosidade, Balseiro apuntou que o galeón afundido en Ribadeo non se verá afectado pola obra no porto comercial, pero si está próximo aos límites da zona de actuación, por iso é necesario balizala axeitadamente con boias para asegurar a súa protección.