A Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Viveiro pechou o curso cun acto co que celebrou o seu cambio de nome. En diante, o centro chamarase Luz Pozo Garza na honra da escritora mariñá, que acudiu ao evento, aos seus 95 anos.
O claustro do centro solicitou o cambio de nomeamento para adherirse á campaña #NomearnosEnLila, impulsada polo Observatorio da Mariña Pola Igualdade. O colectivo feminista quere normalizar os nomes de muller neste tipo de recoñecementos, o que por agora só ocorre en dous casos dos 46 centros educativos da bisbarra.
RECITAL
Durante o acto, o alumnado da EOI viveirense recitou poemas de Pozo Garza -natural de Ribadeo, pero que viviu a súa nenez en Viveiro- nos idiomas que ensina o centro.