A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, anunciou o pasado luns que a conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García, se comprometeu á creación dunha residencia para nenos e adolescentes que se atopan en situación de desprotección.
Segundo explicou a rexedora a través dun comunicado de prensa, o servizo contará con 15 prazas, aínda que non se especifican orzamentos nin prazos para a creación do centro residencial.
ATENCIÓN TEMPERA
Mondoñedo conta cunha Unidade de Atención Temperá que presta servizo tanto a este concello como aos veciños de Abadín, A Pastoriza, Riotorto e Trabada.
Nesta unidade aténdese a 16 familias de nenas e nenos de cero a seis anos con problemas de desenvolvemento ou risco de padecelos.
AXUDA NO FOGAR
O Executivo autonómico aumentou nun 10% as horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) postas a disposición do Concello, que superan as 21.000.
Así, segundo o goberno local, na vila de Mondoñedo estanse a empregar a día de hoxe a práctica totalidade das horas de SAF asignadas polo Goberno galego, como consecuencia do cal non hai lista de agarda e 56 persoas dependentes reciben coidados profesionais nos seus fogares.