María Loureiro será a candidata do PSdeG á alcaldía de Viveiro nas vindeiras eleccións municipais, despois de que na asemblea local dos socialistas celebrada o pasado luns non se presentase ningunha outra candidatura.
A alcaldesa, a primeira muller á fronte do Concello, goberna o municipio desde 2013, ano de falecemento do seu antecesor e valedor, Melchor Roel.
No 2015, a alcaldable socialista recibiu o respaldo das urnas, acadando oito edís dos 17 posibles -a un da maioría absoluta- que lle permitiron gobernar con comodidade.
SÓ DÚAS CONFIRMACIÓNS
Trala confirmación de Loureiro como candidata socialista e de Miriam Bermúdez como alcaldable do BNG, quedan por despexar algunhas incógnitas na política local viveirense.
Trala marcha de Antonio Bouza, o PP aínda non anunciou quen encabezará a súa listaxe electoral. Tampouco o grupo de non adscritos nin Son Viveiro.