Ribadeo acollerá un debate sobre o futuro das pensións o sábado 9 de marzo, que contará coa presenta da eurodeputada galega de Anova Lídia Senra.
Tamén participarán no relatorio, que se celebrará no Cine Teatro ás 18.00 horas, a voceira da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións, Victoria Portas, e o economista Xabier Pérez.
O coloquio servirá para presentar o libro ‘O futuro das pensións: Galiza, Estado Español e Europa’.
Durante o acto, organizado polo Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN) e o Sindicato Labrego Galego, repartiranse exemplares do libro, que tamén esta dispoñible en versión dixital.
AS PENSIÓNS EN EUROPA
A publicación recolle textos dunha quincena de expertos, políticos e líderes sindicais de diferentes países europeos, que abordan os retos aos que se enfronta o sistema de protección público.
Ademais de afondar no estado da cuestión en España, os artigos recompilados sitúan o debate no marco europeo coa análise da situación en países como Portugal, Francia, Grecia, Suecia ou Irlanda, entre outros.