O sistema de abastecemento de auga segue no centro do debate político en Ribadeo. Tras a polémica suscitada polo vertido de lixiviados que afectou á traída a pasada semana, o Partido Popular (PP) esixe ao Concello “investimentos” no sistema de subministro do municipio.
O candidato conservador á alcaldía, Daniel Vega, responsabilizou ao goberno local de “non buscar outras posibles captacións” para “resolver a problemática de Lexoso“.
O voceiro popular acusou ao goberno municipal de non “concretar” as medidas que, segundo dixo, Augas de Galicia propuxo ao concello.
ROTURAS EN VILARBETOTE
Vega tamén criticou a actuación do executivo local ante as “roturas da tubaxe de fibrocemento” da acometida de Vilarbetote, que se reiteraron durante o verán pasado e que motivaron que o Concello urxira á Xunta de Galicia a licitar as obras de substitución da infraestrutura.
O alcaldable acusou ao rexedor ribadense, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, de “non poñer nada da súa parte” para resolver o problema “durante doce anos”.