A Festa do Ourizo de San Cibrao, declarada de Interese Turístico Galego, cumprirá a súa vixésimo oitava edición o 16 de marzo.
O programa comezará cun showcooking ás 12.00 horas, na carpa instalada na Praza dos Campos.
Participarán na actividade Manicha, do restaurante Rotilio (Sanxenxo), Jorge Gago da Maceta (Santiago de Compostela), Miguel Roquiño do A do Borlo (Caldas de Reis) e Toñi Vicente, que está a escribir un libro sobre a súa traxectoria profesional.
Os asistentes poderán gozar en vivo das habilidades culinarias dos chefs, que cociñarán ante as persoas asistentes receitas innovadoras elaboradas coa base do ourizo de mar, e tamén probar o resultado do traballo dos cociñeiros de vangarda.
Os máis pequenos tamén poderán aprender e divertirse da man dos profesionais cun masterchef infantil que se celebrará desde as 18.00 horas, coordinado polos catro cociñeiros participantes no evento.
Outro dos atractivos da Festa do Ourizo é o concurso gastronómico. Os locais de hostalería de San Cibrao ofrecerán aos seus clientes tapas elaboradas co produto estrela do evento.
Os petiscos poderán degustarse durante todo o día nos locais participantes e tamén na carpa, onde se servirá ourizo cocido da man da asociación Mistura.
Tamén estará presente nesta nova edición Conservas Artesanais Ares, que ofrecerá oas visitantes unha degustación do seu paté de ourizo.
SESIÓN VERMÚ E VERBENA
Na Festa do Ourizo non faltará a música. Suavecito amenizará a sesión vermú, desde as 14.00 horas, e ás 22.00 horas haberá verbena con Costa Dorada. Ademais, A Rebolaxe, Airiños do Xunco, Perkusiona, Os Charangos e Los Támega tocarán ao longo da xornada.
“REFERENCIA GASTRONÓMICA”
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Turismo, Mali Méndez, e representantes da hostalería local presentaron a cita este mércores. Villares sinalou que o evento “é unha referencia no calendario gastronómico galego, polas cualidades do produto e polos atractivos naturais e paisaxísticos do noso municipio”.