A comisión mixta do 1,5% cultural elevou unha proposta ao Ministerio de Fomento o financiamento de catro novas actuacións en Galicia de recuperación do patrimonio histórico, entre eles a mellora da Praza da Catedral de Mondoñedo.
O organismo, composto por representantes de Fomento e do Ministerio de Cultura e Deporte, elevou ao departamento que dirixe José Luis Ábalos unha proposta para que financie proxectos de posta en valor do patrimonio histórico galego, con cargo aos fondos que se xeran para o 1,5% cultural como consecuencia da contratación de obra pública.
Un dos proxectos aprobados é o acondicionamento da Praza da Catedral mindoniense a fin dun mellor aproveitamento do uso público. Segundo a proposta, Fomento achegaría un 75% do orzamento -uns 250.000 euros– para estas actuacións.
Os outros proxectos son unha actuación sobre o sistema de evacuación de augas e cubertas pétreas do castelo de San Felipe de Ferrol (con 455.000 euros), o acondicionamento para visitas culturais do mosteiro ourensán de Montederramo (200.000 euros), e a restauración das reixas e púlpitos da capela maior da Catedral de San Martiño, en Ourense, con case 330.000 euros.
RESOLUCIÓN PROVISIONAL
“A resolución provisional que proximamente asine o ministro permitirá continuar co procedemento ata a adopción da resolución definitiva, condicionada esta á aprobación dos proxectos e ás achegas financeiras comprometidas”, sinala a comisión.