A vindeira semana, mércores e xoves, retomarase o xuízo contra José Emilio Silvaje Aparisi, quen fora cura de Ribadeo e Trabada entre 2009 e 2012, acusado de apropiarse indebidamente durante este período de varias pezas e tallas nestes dous municipios.
O xuízo ía celebrarse no mes de abril, pero foi adiado case un ano pola folga da Xustiza. Actualmente, Silvaje Aparisi colgou o hábito.
A Fiscal pide para o acusado catro anos e seis meses de cárcere e unha multa de dez meses a razón de dez euros diarios para Silvaje Aparisi, por un delito de apropiación indebida.
O Ministerio Fiscal tamén solicita un ano e seis meses de prisión para un coleccionista mindoniense, José Jaime de Orozco Sánchez Aguilera, por un delito de receptación.
A acusación solicita que o ex párroco indemnice ao Bispado de Mondoñedo-Ferrol polos efectos non recuperados e ao anticuario que devolva os bens recibidos que ten no seu poder.
Silvaje Aparisi exerceu nas parroquias de Vilaosende, Arante, Cedofeita, Couxela, Cubelas, Sante, Balboa, Vidal e Vilamartín Pequeno e máis tarde tamén na Devesa, Rinlo e Vilaframil.
O Ministerio Fiscal considera probado que o acusado, “con ánimo de enriquecemento ilícito, apoderouse e incorporou ao seu propio patrimonio dispoñendo dos mesmos como propios ducias de obxectos relixiosos e de culto, imaxes, así como mobles e bens pertencentes as mencionadas parroquias, dos cales era o encargado da súa custodia”.
A Fiscal afirma que o párroco “entregou” ao coleccionista mindoniense “diversos obxectos procedentes dalgunha desas parroquias, como unha campá de ferro fundido do século XVIII, unha imaxe que resultou ser de San Francisco do século XVIII e dous sagrarios”, entre outros. Engade que “sendo sabedor” da procedencia dos bens, permutounos por outros cun terceiro.
BENS SEN RECUPERAR
O Bispado recuperou algúns dos obxectos, aínda que faltan, segundo precisa o Fiscal, a imaxe de San Xosé (parroquia de Sante); dúas cómodas da parroquia de Santa Olalla da Devesa; unha imaxe de San Francisco, outra da Virxe do Carme, dous misais, dos candelabros e unha bandexa de prata da parroquia de Rinlo.
Tamén un manto da Virxe das Dores bordado en ouro, unha cruz, unha cómoda antiga e un banco da parroquia de Santa María Magdalena de Cedofeita; dous pares de floreiros da fegresía de Balboa-Capela de Vilafernando; e tres misais antigos, un cáliz de prata, un portaaviáticos de prata, unha cruz de latón, unha mesa do século XVIII e unha cruz de altar de San Mateo de Vidal.
Segundo a taxación pericial dalgúns dos obxectos presuntamente substraídos, o importe desa parte do roubado alcanzaría os 25.000 euros.