A Casa das Algas, sede do Club de Remo de Ribadeo, conta con novos vestiarios e duchas tras as obras realizadas nas instalacións.
O concello investiu 50.000 euros na adecuación do edificio, situado na Vilavella. As melloras beneficiarán ás rapazas e rapaces que practican este deporte que “terán auga quente para ducharse”, segundo destacou o rexedor ribadense.
Fernando Suárez Barcia subliñou que os traballos, que comezaron en outubro, conlevaron trámites “moi complexos”, ao estar suxeitos a “moitas autorizacións sectoriais, tanto autonómicas como estatais”.
ÉXITOS DEPORTIVOS
O rexedor gabou o traballo que está a realizar o club para revitalizando un deporte “moi potente nos anos oitenta”.
O club ribadense, que compite na Liga de Banco Móbil, conta con vintecatro remeiros entre os 10 e os 18 anos, que acumulan éxitos deportivos en campionatos galegos e españois.
En febreiro, oito remeiras e remeiros da entidade formaron parte do combinado galego que logrou o terceiro posto no Campionato de España de Seleccións.
No último Campionato de España por clubs, a mesma xeración logrou tamén a medalla de bronce.