Trala publicación o pasado luns do estatuto do consumidor electrointensivo, Alcoa afirmou que o documento é “insuficiente” para garantir un custo da enerxía competitivo e “pon en risco” a fábrica de aluminio de San Cibrao.
Trátase dunha mensaxe que a multinacional repetiu ao longo da última década -mesmo cunha oferta de venta das plantas no 2016-, sempre aparellada á intención da empresa de obter unha tarifa eléctrica que satisfaga as súas necesidades, e que hai quen ve como unha nova ameaza de deslocalización para obter beneficios económicos.
Con todo, a paralización da produción de electrolise nas factorías da Coruña e Avilés, abocadas ao peche definitivo se non atopan comprador antes do 30 de xuño, fai que as palabras da empresa soen desta volta con máis forza.
O anuncio da multinacional de que a fábrica de San Cibrao periga xerou unha alarma social, dada a importancia da planta no tecido industrial da zona.
A factoría de alúmina de Cervo é propiedade de Alúmina Española, que está participada por Alcoa Inespal (ao 60%) e por Westminer Acquisition (40%), filial de Alúmina, empresa cotizada na bolsa de Australia. O seu persoal consta de 511 empregados.
A súa actividade consiste na produción de alúmina a partir do proceso produtivo que permite extraela da bauxita, cunha capacidade de produción de 1,5 millóns de toneladas ao ano, que se destina á produción de aluminio nas plantas de Alcoa en Europa e a clientes de todo o continente para aplicacións non metalúrxicas.
O mineral de bauxita chega ao porto de San Cibrao en barcos procedentes principalmente de Guinea Conakry, onde están algunhas das minas de Alcoa que fornecen o mineral ás plantas de alúmina en distintas partes do mundo.
PROPIEDADE 100% DE ALCOA
Pola súa banda, a planta de aluminio, propiedade ao 100% de Alcoa, ten unha capacidade de produción de 250.000 toneladas de alumino primario, que se obtén mediante o proceso de electrolise a partir da alúmina.
Os formatos de fabricación son lingotes, pracas e tochos, que se destinan a aplicacións para os sectores de transporte, construción, envase, electrónica, industrial e decoración, entre outros. Trátase dunha factoría electrointensiva, que demanda un alto consumo de electricidade.
Se a planta de alúmina empregan a 511 persoas, a de aluminio fai que o complexo industrial chegue a rondar os 1.200 traballadores, sen esquecer que nas auxiliares de Alcoa -xestionadas por empresas contratistas- gañan o seu salario máis de 500 persoas. O comité de empresa de Cervo calcula que dependen de San Cibrao case 2.000 empregos.
O impacto económico da actividade industrial do complexo de Alcoa representa arredor do 30% do Produto Interior Bruto (PIB) da provincia de Lugo.
Segundo a compañía, a planta de aluminio xerou perdas de 48 millóns de euros e os números vermellos continuarán no presente exercicio, o que algúns sindicatos poñen en tela de xuízo. “Non temos datos suficientes para dar ou restar credibilidade a esas cifras”, apuntan.
CC OO asegurou que a fábrica de aluminio perde nove millóns de euros mensuais pola falta de competitividade da tarifa eléctrica. Segundo a central, a factoría deprézase a un ritmo dun 5% por ano. A falta de investimentos planea desde hai tempo en San Cibrao como un presaxio de que o peor pode acontecer.
CITA COS ALCALDES MARIÑAOS O VENRES
Os traballadores de San Cibrao non fixeron polo de agora unha valoración do estatuto para a industria electrointensiva, e agárdase que expresen a súa opinión ao longo deste mércores.
O comité de empresa citou para o vindeiro venres aos gobernos locais de varios concellos da Mariña Lucense para conciencialos da situación da fábrica e perdilles que colaboren cun esforzo de mediación ante as administracións.
O COMITÉ DE AVILÉS: O GOBERNO “MENTIU”
Si o fixeron os seus compañeiros de Avilés. O presidente do comité de empresa da fábrica avilesina, José Manuel Gómez de la Uz (CC OO), asegurou que o borrador do estatuto presentado polo Goberno central, e que conta cun prazo para alegacións ata o 27 de marzo, é “unha tomadura de pelo” porque “non resolve en absoluto o que se perseguía nin crea o marco estable que se agardaba”.
En declaracións a Efe, o representante dos traballadores da alumineira avilesina acusou ao secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, “mentiu” cando dixo que o estatuto distinguiría entre as figuras das empresas electrointensivas e hiperelectrointensivas, “cando ao final métennos a todas no mesmo saco”.
“Parécenos todo desastroso, non entendemos por que nos estiveron mentindo todo este tempo”, declarou o sindicalista, que cre que “loxicamente” isto “disuade” aos posibles compradores das fábricas de Avilés e A Coruña, coas que a multinacional chegou a un acordo para cesar a produción e buscar comprador ata o 30 de xuño.
Os comités das dúas fábricas ameazadas convocaron unha concentración para o 28 de marzo ante o Congreso dos Deputados para reclamar unha solución á súa situación.
O PSOE TACHA A ALCOA DE “INCEDENTE”
Pola súa banda, o secretario xeral da Federación Socialista Asturiana e candidato á presidencia do Principado de Asturias, Adrián Barbón, asegurou que é “indecente” que a dirección de Alcoa lance mensaxes “de medo“, como o de que ve “en risco” a viabilidade da planta sancibrense.
Barbón preguntouse “como é posible” que, se ata agora non había ningún tipo de seguridade nin estabilidade no marco enerxético, a elaboración dun documento que tenta dar resposta a esa situación “poda facer perigar” a factoría da Mariña Lucense.
O dirixente socialista dixo comprender a posición dos traballadores, pero non a da multinacional, que “nos últimos anos recibiu case mil millóns de euros e non fixo ningún investimento de futuro para as plantas que hoxe estan en perigo”.
O Goberno central asegurou este martes que o documento “dá unha seguridade” a Alcoa sobre o prezo da enerxía.