O Concello de Cervo e maila Universidade de Santiago de Compostela (USC) organizarán o vindeiro verán, nunha data aínda por concretar, unhas xornadas divulgativas sobre a historia do municipio.
As xornadas desenvolveranse no Conxunto Histórico de Sargadelos, durante dous días, nos que participarán poñentes de renome como o Licenciado en Xeografía e Historia e conservador do Centro de Interpretación do Camiño de Mondoñedo, Juan Ramón Fernández Pacios, o investigador Chema Leal ou o catedrático de Historia das Institucións Económicas da USC Xoán Carmona, entre outros.
O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, reuniuse en Santiago de Compostela con estes dous últimos especialistas para perfilar as xornadas, nas que se tentará “poñer en valor o rico patrimonio do noso concello, para que que toda a veciñanza poida entrar tamén en contacto co noso pasado”.
As industrias de salga e conserva centrarán parte das xornadas, nas que se afondará nos problemas para a comercialización do peixe -coma ataques de corsarios– e como se facía necesario un sistema defensivo costeiro para salvagardar o comercio da sardiña.
Outro dos temas centrais do encontro será a historia do complexo industrial de Sargadelos e dos distintos usos que se deron ás fábricas, e como estas afectaron á veciñanza.
SAÍDAS DE CAMPO
As sesións teóricas terán lugar na quenda de mañá, e en horario verspertino programaranse saídas de campo. Nas xornadas realizarase unha visita guiada polo conxunto histórico de Sargadelos, así como outra polos restos do pasado industrial pesqueiro do municipio.
AFÁN DE CONTINUIDADE
Villares afirma que “estas xornadas nacen co obxectivo de consolidarse no tempo. Pretendemos que sexa unha data marcada no calendario, que nos permita sumerxirnos en interesantes etapas da nosa historia que descoñecemos”, conclúe.