O grupo de non adscritos de Viveiro concorrerá ás vindeiras eleccións locais cunha candidatura independente. Así o anunciaron este sábado Bernardo Fraga, Manuel Galdo e Óscar Lara, os tres edís que integraron a corporación municipal ao longo dos tres últimos anos.
Despois de abandonar o BNG en abril do 2016 por discrepancias coa liña política da organización, Fraga, Galdo e Lara fixeron unha oposición “construtiva e con vontade de chegar a acordos”.
Exemplo disto, sinalan desde o grupo de non adscritos, son “a aprobación dos orzamentos co noso apoio en 2016 e 2017, as maiores facilidades que se deron para a concesión de licenzas no polígono industrial ou a aprobación dunha renda básica en Viveiro, que está por desenvolver polo goberno socialista”.
CANDIDATO E PROGRAMA POR DESVELAR
A formación política que impulsarán os non adscritos aspira a ser “plural e aberta, como é a sociedade de Viveiro”, explica Galdo, que sinala que nos próximos días desvelarase o cabeza de listaxe electoral, a candidatura e mailo programa.
“Seremos unha alternativa diferente, con xente que queira achegar cousas ao municipio sen unhas directrices marcadas polas formacións políticas tradicionais, e con ganas de traballar para espertar a un concello que está adurmiñado”.