InicioM.ambiente e PatrimonioA carpintería de ribeira de San Cibrao: 200 anos de tradición familiar

A carpintería de ribeira de San Cibrao: 200 anos de tradición familiar

Asteleiros Fra é un bastión da cultura marítima nunha sociedade que cada vez mira menos ao mar

Publicada o

- Advertisement -

Para moita xente, visitar a carpintería de ribeira de Francisco Fra, situada á beira da praia do Torno, é atoparse cun chisco da propia historia familiar. Así, o xornalista pode ver fotografías do María Dolores Carmen, o barco do 1942 -con 38 metros de eslora, o meirande construído en San Cibrao– no que seu avó materno traballou como cociñeiro. E tamén imaxes do Jesús José, o boniteiro no que embarcou seu pai.

SETE XERACIÓNS

Para o dono, Asteleiros Fra non é un lugar de traballo calquera. Supón seguir unha tradición familiar de, alomenos, sete xeracións e dous séculos. A pescuda do artesán sancibrense chega ata 1806, cando aparece unha folla de asento dunha embarcación feita por Roque de Fra, “mestre carpinteiro”. “Por boca de meu pai só sabía que meu tataravó tamén traballara nisto. Hai un par de décadas que empecei a investigar e isto é o que sei. Que nese ano o meu antergo fose calificado de mestre carpinteiro significa que a miña familia xa construía barcos antes e gustaríame saber máis”, explica.

a primeira evidencia da construción de barcos polos fra data de 1806

De pícaro, Fra andaba todo o día na carpintería, perfumada pola madeira, e aprendeu con seu pai e seu tío desde pequeno. “Cando caía algún eucalipto ía con eles e subía á árbore para medir a súa lonxitude cos meus pasos”, lembra. Pouco a pouco adentrouse nun traballo que parece ir na contra dos nosos tempos, cunha querencia polo inmediato.

ENCARGAS

A sociedade cambiou e tamén as encargas que recibe o carpinteiro de ribeira. “Antes facíanse moitas embarcacións de pesca, agora sobre todo de recreo”, asegura Fra, que diversificou o negocio para facelo sustentable. “Reparo e restauro barcos e tamén fago reproducións de embarcacións históricas”, precisa.

Unha vez se recibe o pedido, o oficio require de paciencia -e dun respecto polas estacións, polo transcorrer do tempo- desde o primeiro paso, a elección do material. Como di o refrán -“a madeira da túa casa, en xaneiro has de cortala”-, Fra agarda o momento do ano no que a materia prima ofrece unha maior durabilidade. “Sobre todo carballo e piñeiro, aínda que o eucalipto vello ofrece pezas longas, duras e flexibles”, explica. Logo fai unha maqueta a escala 1:10 ou 1:20 e comeza o proceso de fabricación.

o proceso require paciencia: a madeira córtase en xaneiro, cando ten máis calidade

Que vantaxes presenta un barco de madeira fronte a outros feitos con materiais novos? “En primeiro lugar, unha investigación concluíu que unha embarcación tradicional emite 10 toneladas de CO2, por 110 dunha de fibra de carbono da mesma eslora”, expón Fra, que lamenta que non haxa un maior apoio económico para a construción de navíos con materiais naturais, non contaminantes. O carpinteiro tamén fala da flotabilidade. “A estabilidade é maior. Os mariñeiros din que hai buques coma corchos, que tiran os homes ao mar”, indica.

“DESPERSONALIZADOS”

A carpintería de ribeira é a única que queda en San Cibrao, vila onde abundaron os asteleiros, cunha tradición centenaria na pesca de balea, na salazón de peixe e tamén como porto da antiga cerámica de Sargadelos. Convértese así, xunto co Museo Provincial do Mar, nun bastión da cultura marítima nunha bisbarra que cada vez dá máis as costas ao mar, na que a xente das poboacións costeiras ten unhas inquedanzas similares ás das urbes globais.

O relevo escasea e a xente das vilas costeiras ten hoxe as mesmas inquedanzas ca das urbes globais

Houbo unha despersonalización”, apunta Fra. “A xente xa non sae en chalano ou navega a vela, coa sensación que produce. Non sabe o que é unha quilla, una bigota, un cadenote, un botalón. Hai todo un vocabulario que se perde”, indica. E o relevo? “Está por ver, veremos que pasa”, confesa o carpinteiro. “O meu fillo estudou filoloxía inglesa”, expón o artesán, que fuxe do secretismo doutros colegas e imparte obradoiros para que outros aprendan, e quen sabe se continúen, un oficio que resiste como pode.

Obradoiro de carpintería de ribeira en Asteleiros Fra. CEDIDA/ASTELEIROS FRA

POTENCIAL TURÍSTICO POR APROVEITAR

O artesán asegura que o esvaecemento da cultura marítima é non é só un problema de identidade senón tamén unha perda de ingresos. “Non sabes o que paga a xente nalgúns países europeos por navegar en embarcacións antigas, que son como museos flotantes”, indica.

O asteleiro vén de ser recoñecido como centro azul pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), o que axudará á súa visibilidade e tamén á da cultura marítima da vila. Pero non é abondo. “Urxe un movemento social que recupere a nosa singularidade“, afirma Fra, que continúa a súa particular resistencia. Durante a entrevista, entran dous clientes no taller. Precisan da reparación dun barco “e dixéronnos que aquí había un carpinteiro de ribeira”, relatan.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...