Os galegos formamos un colectivo singular esparexido polo mundo, onde doadamente nos identifican pola capacidade de falar envolvendo os pensamentos ata dar a entender nas conversas que sabemos e podemos facer, ao mesmo tempo, dúas accións totalmente inversas.
Esta defensa verbal, a modo de tranca, servía para que os demais non souberan se os nosos antergos baixaban ou subían pero non chegou nin chega para que un pobo calado, traballador e aforrador teña que soportar de novo a praga de enviar aos seus fillos lonxe da terra para que renazan, aboiando entre bágoas, tal como pasou coa nosa bandeira azul e branca.
NON CHEGOU NIN CHEGA PARA QUE UN POBO CALADO E TRABALLADOR TEÑA QUE SOPORTAR A PRAGA DE ENVIAR AOS FILLOS LONXE DA TERRA
A RETRANCA
Se damos por certo que a tranca solapa un certo consenso co mundo externo non cabe dúbida que entre nós mesmos, á hora de entendernos, por querer e non querer ao mesmo tempo, abusamos da retranca e parimos controversias como son que “ninguén renegue de ser galego non implica que teñamos conciencia política de selo” ou que os datos das votacións ao Estatuto de Autonomía (74,56% en 1936 e 30% no 1981) non indiquen unha coherente progresión evolutiva…
Na percura de solucións caben tódalas opinións con tintes constructivas entre as que non poden faltar o apoio ás ferramentas dixitais que permitan traballar en conxunto a nosa pluralidade singular tal como meritoriamente está a facer o Xornal da Mariña. Parabéns.