A voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, anunciou que o partido frontista presentará alegacións ao estatuto dos consumidores electrointensivos publicado o pasado luns polo Goberno central, que sitúa “en risco” a planta de aluminio de San Cibrao segundo a multinacional Alcoa.
Pontón desprazouse este luns para reunirse co comité de empresa da fábrica de Cervo, ao que tamén acudiron a deputada parlamentaria Olalla Rodil e a candidata ao Congreso Maite Ferreiro. A dirixente do BNG pediu un trato “diferenciado” para Galicia, pola súa condición de produtora de electricidade.
A voceira nacional do BNG asegurou que comparte “a preocupación” e a “indignación” dos traballadores ante o feito “insólito e inaceptable” de que “Galicia, sendo produtora excedentaria de enerxía eléctrica, teña miles de postos de traballo en xogo polos altos prezos da electricidade”.
Pontón instou aos gobernos central e autonómico a achegar “solucións”, porque neste momento “non hai alternativas de futuro para Alcoa A Coruña, onde de momento non hai comprador”, e a proposta de estatuto electrointensivo “deixa no aire o futuro da planta de San Cibrao”.
Neste sentido, non só criticou ao Executivo central senón tamén á Xunta de Galicia, facendo alusión ao trato diferenciado que teñen outras autonomías do Estado.
CRÍTICAS A PSOE E PP
Pontón cualificou de “decepcionante” a resposta do PSOE, que “non permite ás empresas competir” nin “ofrece garantías de que as rebaixas se vexan acompañadas de investimentos e do mantemento do emprego“.
Tamén instou ao presidente da Administración galega, Alberto Núñez Feijóo, a negociar mellores condicións para a comunidade.
“Feijóo ten que explicar como é posible que en Euskadi o goberno nacionalista conseguise unha rebaixa de 23 euros por megavatio para a industria electrointensiva e sen embargo a oferta que hai sobre a mesa do Goberno español é unha oferta de 4,2 euros por megavatio”, asegurou.
Tanto os sindicatos, a título individual, como a patronal e a Xunta de Galicia anunciaron que alegarán o documento. Precisamente, o presidente do comité de Alcoa en San Cibrao, Xosé Paleo (CIG), asegurou que “probablemente o mércores” as centrais presentarán as súas modificacións.
PINTADAS EN PONTEVEDRA
Pontón tamén se referiu ás pintadas ameazantes na casa da edil da BNG en Pontevedra Carme da Silva. A voceira do Bloque pediu a apertura dunha investigación “con carácter inmediato” para identificar os autores.
“Ningún cargo público, ningunha persoa deste país ten que ver como é atacada desa maneira sen que haxa unha resposta á altura da gravidade dos feitos“, afirmou.
XUNTANZAS COS PARTIDOS
A de Pontón foi a primeira dunha rolda de xuntanzas que o comité de empresa manterá coas distintas forzas políticas, despois de que o pasado venres entregase mocións a nove alcaldes da Mariña Lucense, a fin de que as presenten nos plenos municipais e conciencien ás respectivas administracións da importancia da planta para o tecido económico da bisbarra.
CONCENTRACIÓN NO CONGRESO
As seccións de CC OO, UXT e CSIF de Alcoa fletarán autobuses para acudir á concentración convocada polos comités de empresa da Coruña e Avilés no Congreso dos Deputados, o 28 de marzo a partir das 11.00 horas.