O Sindicato Labrego Galego (SLG) alerta de que hortos, froitos e cereais están “desaparecidos” da Mariña Lucense, na que tralo declive da agricultura dominan a paisaxe “o eucalipto e pasteiros e forraxes para o alimento da gandería”.
O SLG impulsará este venres en Lourenzá unha xornada formativa baixo o título ‘Retos e oportunidades para a produción de horta na Mariña‘, na que a organización espera afondar no principio de soberanía alimentaria, “o mantemento da capacidade dos pobos de alimentarse a si mesmos”.
“Na Mariña Lucense estamos hoxe moi lonxe de acadala, tras décadas nas que o modelo económico foi transformando os usos até conver a bisbarra nun territorio repartido case ao 50% entre eucalitpo e pasteiros e forraxes. De aí que os nosos alimentos cheguen moitas veces de explotacións situadas a milleiros de quilómetros”, expón o sindicato.
A actividade formativa do venres, que se celebrará no Pazo de Tovar, aspira a fomentar “accións positivas para inverter esta tendencia”. No encontro, aberto ao público, abordaranse tanto aspectos técnicos como de comercialización dos produtos.
CONFERENCIANTES
Na xornada participarán persoas expertas da Consellería de Medio Rural e profesionais da xestión e da distribución, así como con xestoras e participantes de asociacións de produtoras.
Pola mañá, analizaranse aspectos técnicos e normativas de mercado con Víctor Álvarez, da Consellaría de Medio Rural; José María Álvarez, responsable da distribuidora de hortalizas Lego Fruit Agro S. L.; e o consultor técnico Rafael Peláez.
Na quenda de tarde, impulsores de explotacións contarán experiencias concretas sobre como atoparon unha saída na cooperación para comercializar os seus produtos. Falarán Xulio Rodríguez, de Labregos de Lugo, e Fernando Veiga, da Cooperativa Horsal.
RESERVA PARA XANTAR
A reserva de praza só é necesaria no caso de querer xantar no restaurante do Pazo de Tovar. Anotan no número de teléfono 698.15.96.67.