A Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña celebrará o sábado 4 de maio unha gala benéfica para celebrar os seus vinte anos de vida.
O evento, que terá lugar nunha carpa instalada na Praza dos Campos en San Cibrao, celebrarase a partir das 20.00 horas.
No evento participarán Arume, A Rebolaxe, Os Acordeonistas da Mariña e Tapy Öka, Foolmakers, un grupo formado por catro psiquiatras do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) que se xuntaron cun profesor de baixo da escola de música Fábrica de Sons para tocar, nun principio, nas jam sessions que a escola organizaba no Club Clavicémbalo.
Tamén actuarán as Izquierdo Sisters, dúo formado polas actrices Lucía Veiga e Marita Martínez, especialistas no uso do teatro para o desenvolvemento mental.
ENTRADAS Á VENTA
Xa están á venta os tiques nos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela e Ribadeo, na unidade residencial de Cervo (en horario de 10.00 a 14.00 horas), no Restaurante O Noso Lar (San Cibrao), na Farmacia O Parque (Burela), en Calzados Tomás (Burela) e na casa da cultura sancibrense.
O encargado de elaborar e de servir o menú -a base de empanada caseira, lagostinos, carrilleiras, torta de San Marcos, viño, refrescos e café- será o Restaurante O Noso Lar.
As entradas para adultos teñen un prezo de 30 euros e poderán recollerse ata o 25 de Abril. Así mesmo, haberá ticket infantil por 10 euros.
Unha parte do custo da cea será destinada integramente ao labor realizado nos distintos dispositivos da asociación. Segundo expón a organización, no transcurso da gala haberá sorteos e máis sorpresas.
CONTRA O ESTIGMA SOCIAL
A directora técnica xeral de “A Mariña”, María José Nóvoa, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de servizos sociais, Pilar Armada, o presidente da entidade, Jorge Manchado, a familia da unidade residencial de Cervo presentaron o evento o pasado sábado.
Nóvoa agradeceu ao Concello de Cervo a súa colaboración, “contribuíndo sempre coa súa sensibilidade a visibilizar este colectivo e as enfermidades mentais, e a loitar contra un estigma social que aínda se detecta hoxe na nosa sociedade”.
“IMPLICADOS” NA SOCIEDADE
Pola súa banda, Villares valorou o traballo que está a desenvolver a asociación, cuxa unidade residencial está ubicada en Cervo, na Bidueira. “É un orgullo para nós ver como as persoas usuarias forman parte activa da vida de Cervo, contribúen xenerosamente a dinamizar o noso municipio, e se implican e participan en todas cantas actividades se programan”.