IniciosociedadeAs redeiras falan de "incomprensión" tras serlles denegado o adianto da idade...

As redeiras falan de “incomprensión” tras serlles denegado o adianto da idade de xubilación

As traballadoras de Cabo Burela quéixanse de que a Seguridade Social non ten en conta enfermidades que consideran propias do oficio

Publicada o

- Advertisement -

A Federación Galega de Redeiras Artesás de Galicia ‘O Peirao’ explicou este luns que a Seguridade Social denegou ás profesionais a posibilidade de iniciar o procedemento para tramitar o coeficiente redutor para este colectivo, que permitiría adiantar a idade de xubilación do colectivo.

Deste coeficiente redutor benefícianse traballadores da minería, aéreos, ferroviarios, artistas, profesionais das touradas, bombeiros, policías locais, ademais de todos os subsectores laborais da pesca.

Con todo, as redeiras non poderán facelo “ante a falta de indicios de elevados incrementos nas taxas de mortalidade ou morbilidade debidas á realización do mencionado traballo”.

A sensación entre as traballadoras é de indignación, aínda que a negativa era unha probabilidade “que tiñamos asumido”, explica María Jesús Alonso, presidenta de Redeiras Cabo Burela.

Alonso comezou a exercer como redeira con 14 anos, e interpreta que hai unha “incomprensión” detrás da decisión que mantén a obriga para o seu colectivo profesional de traballar ata os 67. “Creo que non saben de verdade da dureza do noso traballo, pensarían diferente se se achegasen uns días a vernos”, asegura.

OFICIO DURO

En que consiste o traballo dunha redeira? “Facemos aparellos para todas as artes de pesca, agás o arrastre: nasas, miños, volantas, palangre… E tamén reparamos outros, principalmente do cerco. Botamos de nove a seis facendo movementos repetitivos, en posicións que son cansas”, indica.

“botamos de nove a seis en posturas complicadas. NOSO TRABALLO É MALO PARA AS CERVICAIS, PADECEMOS VARICES, LUMBALXIA…”, ENUMERAN

A redeira expón que, malia que o colectivo só conta cunha doenza, o túnel carpiano, recoñecida como enfermidade profesional, o oficio conleva algunhas outras que son propias das tarefas. “O noso traballo é malo para as cervicais, estamos moito tempo de pé e as varices pasan factura, temos lumbalxias…”, enumera.

DISCRIMINACIÓN DE XÉNERO

O colectivo O Peirao interpreta como unha discriminación coas mulleres que as redeiras non teñan o mesmo recoñecemento que os traballadores da pesca. “Hai unha desigualdade de xénero con respecto a outros compañeiros que desenvolven as mesmas tarefas”, argumenta.

AS TRABALLADORAS LAMENTAN QUE “O NOSO TRABALLO SEMPRE FOI CONSIDERADO UN COMPLEMENTO DO QUE FAN OS HOMES”

Alonso dubida, aínda que sinala que “o noso traballo sempre foi considerado un complemento para o que fan os homes”.

FALTA DE RELEVO

A decisión de non conceder o adianto da idade de xubilación é un golpe para a tentativa de atopar relevo. Redeiras Cabo Burela conta con sete traballadoras, logo de que se xubilasen “catro nun ano”, precisa Alonso. “A máis nova de nós ten 32 anos, e a maioría 50 ou 60”, sinala, para engadir que a negativa da Seguridade Social “non fai máis atractivo o traballo, iso está claro”.

XUBILÁRONSE CATRO PROFESIONAIS NUN ANO E SÓ QUEDAN SETE OBREIRAS NA AGRUPACIÓN

A falta de exames para obter a titulación cunha periodicidade axeitada ou a escaseza de formación práctica son outras das dificultades que identifican as redeiras para atraer xente nova ao seu oficio.

UNIDADE

Tras anos de esforzo, e malia que no 2014 o Parlamento Europeo instou a aplicar os coeficientes redutores para os colectivos de redeiras, neskatillas e empacadoras, parece que queda aínda moito por facer.

Alonso defende que o futuro pasa pola unidade das traballadoras. Neste senso, destaca que “agruparnos, como fixemos en 2009, foi un acerto para visibilizarnos. Ao principio traballabamos nas casas. Cando chegamos ao porto os armadores nin miraban para nós”, lembra. Con todo, o oficio das redeiras, lamentan as traballadoras, segue a ser un gran descoñecido.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...