InicioPolíticaO PP acusa ao Goberno de "favorecer ás industrias vascas e catalás"...

O PP acusa ao Goberno de “favorecer ás industrias vascas e catalás” sobre Alcoa

A planta de San Cibrao protagoniza os primeiros argumentarios dos partidos de cara ás eleccións xerais; En Marea promete defender "a capa e espada" os postos de traballo

Publicada o

- Advertisement -

A incerteza xerada por Alcoa tras iniciar procesos de peche nas plantas da Coruña e Avilés e ameazar con clausurar tamén a fábrica de aluminio de San Cibrao se o Goberno non incorpora melloras ao borrador do estatuto do gran consumidor electrointensivo, fixo que os partidos centrasen nesta problemática os seus primeiros actos de cara ás eleccións xerais.

Así, nun almorzo informativo coa prensa dos candidatos por Lugo ao Congreso, Jaime de Olano, e ao Senado, José Manuel Barreiro, o PP asegurou que a planta de Cervo está “a borde do peche”, o que considera “un problema moi grave para a provincia, dado que representa máis do 30% do PIB e máis de 2.000 empregos”.

De Olano cre que a compensación de 91 millóns anunciada polo Executivo “é insuficiente. Rajoy presupostara 150 millóns. Sánchez estase a cargar as industrias enerxéticas da cornisa cantábrica e beneficiando ás empresas vascas e catalanas”, argumentou.

No tocante ás infraestruturas, de Olano incidiu no “recorte” da A-74, a Autovía da Mariña, “que pasou de máis de 200 millóns de euros consignados o PP a tan só cinco millóns co PSOE”.

EN MAREA: “ESTAFA” DAS ELÉCTRICAS

O pasado venres, En Marea presentou a súa candidatura para as eleccións xerais do 28 de abril. O partido que encabeza Luís Villares presentou aos dous primeiros candidatos ao Congreso por Lugo, Cristina Pérez Herraiz e o mariñao Javier Arca. Manuel Germade, de En Marea Mondoñedo, será o número 2 ao Senado

Villares destacou a “necesidade de impulsar un novo marco” para o mercado eléctrico que protexa a pequenos e grandes consumidores. “Necesitamos unha regulación do sector que non sexa especulativo. As grandes empresas eléctricas están estafándonos día a día. Vimos de ver un incremento na factura de abril a cambio de nada, mentres que empresas como Alcoa se ven empobrecidas”, afirmou.

Presentación da candidatura de En Marea. AXM

CRÍTICAS A UNIDOS PODEMOS

Neste aspecto, Arca afirmou que “non podo entender que haxa quen negocie uns orzamentos que reducen as compensación que recibe Alcoa polo uso de electricidade nas actividades industriais de 150 a 30 millóns de euros, despois saia dicindo que se trata duns orzamentos malos e que finalmente os aprobe”.

O número 2 de En Marea ao Congreso por Lugo destacou a necesidade de defender a planta de Alcoa nunha provincia que “adoece de tecido industrial e de alternativas laborais”, e reivindicou o compromiso da formación política de defender “a capa e espada” os postos de traballo da planta de San Cibrao.

FEVE

En Marea tamén se referiu ao Feve, “que podería estar vertebrando o norte de Galicia de Ribadeo ata Ferrol, está esmorecendo, e a xente xa non se pode mover coma antes”, denunciou Villares. 

O voceiro nacional de En Marea apostou por impulsar frecuencias e conexións ferroviarias de cercanías para vertebrar a fachada marítima dende A Mariña ata Ferrolterra. “A vía está feita, polo que un pequeno investimento sería suficiente para dinamizar toda unha comarca xa de por si puxante”, indica. 

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...