A declaración da romaxe das Cruces de Arante como Festa de Interese Turístico de Galicia vén seguida de polémica. O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, expresou a “súa satisfacción” polo recoñecemento pero lamentou “as malas formas do Goberno galego á hora de comunicalo”.
O rexedor criticou que o executivo autonómico non se dirixise “nin á mesa de traballo que elaborou a proposta, nin á corporación municipal”, e que a distinción se presentase a través do candidato do Partido Popular (PP) á alcaldía, Daniel Vega.
“A min daríame grima apropiarme tan burdamente do traballo de tanta xente e aparecer como un conseguidor de algo para o que nada fixo”, apuntou o rexedor.
O nacionalista tirou de ironía e refraneiro para criticar ao seu adversario político: “non se chega a Roma nun día”, concluíu.
DOUS ANOS DE TRAMITACIÓN
O recoñecemento da festa comezou a tramitarse en xuño de 2017. O pleno municipal aprobou daquela por unanimidade solicitar a declaración, que debe cumprir uns pasos fixados por decreto.
A proposta foi presentada á corporación por unha mesa de traballo constituída un mes antes para poñer en valor a romaxe, que conmemora a vitoria dos veciños de sete parroquias de Ribadeo e Trabada –Ove, Covelas, Cedofeita e Arante, do municipio ribadense, e Sante, Vidal e Balboa, do trabadense- sobre as tropas de Napoleón durante a Guerra da Independencia.
O grupo de traballo formárono integrantes da Asociación O Formigueiro -o presidente Javier González López e a secretaria Azucena González Loredo-, o párroco Carlos Miranda Trevín, o historiador Emilio López Piñeiroa, a técnica municipal de turismo Begoña García López e representantes dos catro grupos da corporación: Ana María Martínez Fernández (BNG), Jesús López Penabad (PP), Aurora González Ginzo (PSOE) e Marta María Saiz García (Ciudadanos).
O colectivo encargouse de compilar a información precisa para acreditar o cumprimento dos requisitos necesarios para a declaración, e formalizar, en colaboración coa delegación de cultura, os trámites para obter o recoñecemento.
Así, elaboraron unha memoria explicativa que documentou o valor histórico e cultural, a singularidade e o arraigo da festa, que conta con case dous séculos de antigüidade e que se celebra fronte ao Santuario de Nosa Señora das Virtudes, a carón do Camiño Norte de Santiago.
O informe foi sometido a avaliación do Consello de Turismo de Galicia. O órgano asesor da Xunta deu o seu visto bo para a declaración en decembro.
Con este respaldo, a solicitude chegou ao Consello de Goberno da Xunta de Galicia que, o pasado venres, declarou o evento de Interese Turístico Galego.
AUMENTO DAS AXUDAS
Este luns, a Delegación Territorial do goberno galego en Lugo convocou aos medios para valorar a distinción da festa mariñá, e tamén as outorgadas á Festa do Poldro e Gando de Monte de Muras e á Semana Santa de Lugo.
Na comparecencia, Jose Manuel Balseiro estivo acompañado por Daniel Vega como “representante da organización” da romaxe –na mesa estiveron tamén o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, e o coordinador xeral da Xunta de Confrarías de Lugo, Ramón Basanta-.
Balseiro gabou os “esforzos públicos e privados” que confluén nestas celebracións e explicou que a declaración de Interese Turístico Galego suporá o incremento das achegas do goberno galego para a súa organización. As axudas pasarán dos 3.000 aos 7.500 euros.