Burela é o único concello da provincia de Lugo e un dos 16 de Galicia con máis habitantes menores de 20 anos ca de 65 ou maiores. Así o confirma un informe do Instituto Galego de Estatística (IGE) de indicadores de poboación no 2018 que deixa claro o avellentamento poboacional na comunidade, ao que A Mariña Lucense non escapa.
O 17,64% dos burelaos son menores de 20 anos, unha cifra case calcada, aínda que lixeiramente superior, á porcentaxe de habitantes con 65 anos ou máis, do 17,40%. Burela tamén é o único concello de Lugo con saldo vexetativo positivo: é dicir, que rexistra máis nacementos que mortes.
Ames, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Oroso, Teo, Gondomar, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Salceda de Caselas, Soutomaior e Barbadás son os outros municipios galegos que teñen un comportamento demográfico similar neste apartado. A maioría deles, situados na contorna de cidades como Vigo, A Coruña, Santiago ou Pontevedra.
en só 16 concellos galegos as crianzas e adolescentes superan en porcentaxe aos maiores de 64 anos
POBOACIÓN MOZA
En suma, a poboación moza da Mariña Lucense supón o 11,85% do total, unha cifra sensiblemente inferior ao promedio de Galicia, que se sitúa no 15,92%, e mesmo ao da provincia, do 13,50%.
Ningún outro municipio mariñao alcanza o 17% de poboación adolescente ou infantil; Ribadeo (16,57%), Foz (15,84%) e Viveiro (15,60%) son os seguintes na listaxe.
Barreiros (10,82%), Cervo (11,40%), Lourenzá (12,21%), Mondoñedo (11,07%), O Valadouro (11,96%), O Vicedo (11,29%) e Xove (13,63%) móvense en cifras intermedias, mentres que a falta de savia nova percíbese en municipios nos que a taxa de mocidade cae por debaixo do 10%: Alfoz (8,59%), Ourol (7,31%), A Pontenova (8,38%), Riotorto (8,09%) e Trabada (9,17%), todos concellos do interior.
O polo de atracción que supoñen as grandes vilas nótase en que os municipios de Burela, Foz, Ribadeo e Viveiro teñen un 16,41% de poboación infantil e xuvenil, que cae ao 10,32% nos outros doce municipios.
os catro municipios das grandes vilas mariñas teñen seis puntos máis de poboación moza ca os outros doce
PORCENTAXE DE ANCIÁNS
No tocante á poboación de 65 anos ou máis, os maiores de 64 anos supoñen na Mariña Lucense o 32,45% da poboación, novamente por riba da media galega, que se sitúa no 24,89%.
Ourol sobresae achegándose ao 50%, cun 47,88%. Case 41 de cada 100 habitantes en Riotorto son anciáns, por 39 de Alfoz, 37 da Pontenova e Trabada e 36,4 do Vicedo.
47 de cada 100 ouroleses son maiores, por 41 en riotorto e 39 en alfoz
Barreiros (33,71%), Lourenzá (33,5), Mondoñedo (34,58), O Valadouro (34,52) superan o 30%, mentres que Cervo (27,5%) e Xove (25,86%) teñen porcentaxes menos acusadas.
De igual xeito que os municipios das grandes vilas mariñás lideran as taxas de poboación moza por 100 habitantes, tamén son os que porcentualmente menos anciáns teñen, como se aprecia en Burela, Viveiro (24,13), Ribadeo (24,43) e Foz (24,92).
A media nestes concellos é do 22,72%, que aumenta ao 35,69% no caso dos outros doce termos municipais mariñaos.
ÍNDICE DE ENVELLECEMENTO
Un dos datos máis esclarecedores da tendencia é o índice de envellecemento da poboación. En Ourol alcanza o 655,13, isto é, por cada 100 menores de 20 anos, contabilizáronse neste municipio 655 persoas maiores de 64 anos. Isto significa superar en case 500 persoas o promedio galego, de 156,37.
o índice de envellecemento en ourol supera en 500 persoas a media galega
Riotorto (cun índice de 513), Alfoz (453) e A Pontenova (441) teñen os índices de envellecemento máis acusados detrás do municipio ourolés.
IDADE MEDIA
A idade media dos mariñaos é de 51,67 anos, máis de catro puntos e medio por riba do promedio de Galicia (47).
Ourol lidera a listaxe cun promedio de case 60 anos (59,37), seguido de Riotorto (56,47), Trabada (55,47), Alfoz (55,39), A Pontenova (55,24), O Vicedo (53,33), Mondoñedo (53,09), Barreiros (52,44), O Valadouro (51,88) e Lourenzá (51,75). As poboacións de dez dos 16 municipios da Mariña superan os 50 anos de idade media.
a idade media na bisbarra é catro anos e medio superior á do conxunto de galicia
Baixan dos 50 as poboacións de Cervo (49,79), Xove (48,18), Foz (47,21), Ribadeo (46,98), Viveiro (46,78) e Burela (43,42).
DATOS DE 2010
Poñendo en relación os datos cos de 2010, percíbese igualmente como A Mariña Lucense envellece. No inicio da década, a poboación moza na bisbarra alcanzaba o 12,3%, polo que o porcentaxe de crianzas e adolescentes caeu un 0,5%.
Alfoz ou A Pontenova, onde os porcentaxes caeron un dous por cento, son exemplos desta tendencia.
No tocante á poboación maior de 64 anos, o porcentaxe subiu do 30,51% en 2010 ao 32,45 de 2018.
no 2010, a poboación infantil e xuvenil en burela superaba en catro puntos á anciá; no 2018 estaban á par
Chama a atención que o porcentaxe de maiores medra igualmente en municipios onde a poboación moza segue a ter un peso importante. En Burela, no 2010, os maiores de 64 anos supuñan o 13,38% do total; en 2018, o porcentaxe sube ata os 17,40%.
En Cervo, o porcentaxe de anciáns era do 20,05% no 2010 e no 2018 alcanzou o 27,50%.
CHAMADA DE ATENCIÓN
Na media de idade tamén se percibe un incremento con respecto a 2010, cando o promedio era de 49,7 anos por habitante, case tres puntos menos ca no 2018.
Mesmo nas vilas subiu a idade media: en Burela, dos 40,46 anos no 2010 pasouse aos 43,42 de 2018; en Viveiro, o incremento foi de 2,1 puntos, pois estaba en 44,64.
Até o municipio máis puxante a nivel demográfico ofrece unha lectura preocupante. No 2010, Burela tiña significativamente máis poboación moza (17,69%) ca anciá (13,38%); no 2018, estaba a piques de darse un equilibrio. Os datos son a todas luces unha chamada de atención.