O Concello de Burela vén de contratar unha avogada e unha mediadora para facilitar a integración tanto das persoas estranxeiras como nos colexios. Estas dúas profesionais ofrecerán servizos ata o vindeiro 30 de outubro, segundo expuxo o goberno local.
A concelleira de inmigración e cooperación, Angélica Gómez, explica que a letrada é especialista en temas de estranxeiría e atenderá as dúbidas que teñan as persoas de nacionalidade estranxeira do municipio.
“Esta profesional estará no Concello, en horario de dez da mañá a tres da tarde, e cando haxa o cambio de horario, no que o centro peche ás dúas, será de nove a dúas. É unha avogada licenciada en estranxeiría que estará para atender todos os problemas e dúbidas que teñan os estranxeiros que viven en Burela”, precisa a edil.
CURSO FORMATIVO
Neste senso, o goberno local organiza a vindeira semana un curso formativo para axudar ás persoas estranxeiras, que se desenvolverá do 8 ao 15 de abril, cunha duración de 24 horas.
Gómez explica neste senso que “unha novidade no regulamento de estranxeiría é a avaliación do esforzo de integración da persoa estranxeira, que se pode acreditar a través da asistencia á accións formativas”.
O obradoiro, financiado pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, fará fincapé na lexislación española e na súa xeografía física, política e cultural. Os interesados poden anotarse no 982.58.60.00.
No tocante á mediadora, estará nos colexios Virxe do Carme e Vista Alegre para resolver os problemas de adaptación que poidan ter as crianzas e as súas familias.
ESCOLAS
“Será unha persoa de contacto para levar os temas complicados que se atopan nos colexios. Traballará coa mediadora do Concello e coa técnica. A súa oficina está situada na Capitanía para que estea preto do Concello, pero para que teña privacidade”, indicou.
Sobre os posibles temas a resolver, a mediadora “estará para todos os temas complicados que nos atopamos en Burela como nenos e nenas que non se adaptan ben no colexio, con problemas familiares, que van sen aseo ou non levan comida. Tamén atenderá aos pais e ás nais aos que lles custa integrarse para achegalos un pouco á adaptación e á integración”, precisa.
MÁIS DE 40 NACIONALIDADES
Segundo os datos que manexa o goberno local, viven en Burela persoas de máis de 40 nacionalidades diferentes.
A petición de persoas que exerzan como orientadores da poboación foránea é unha demanda dos colectivos de inmigrantes e tamén dos centros educativos.
Antonina Semedo, de orixe caboverdiá e proposta para a Medalla Castelao, explicaba meses atrás as dificultades dos estudantes de instituto do seu país de procedencia para seguir os estudos, e pedía a dunha figura intermedia que coñecese o idioma.