Ciudadanos (Cs) presentou este xoves a súa candidatura ao Congreso dos Deputados pola provincia de Lugo, que lidera José Manuel Blanco e na que o médico do Hospital Público da Mariña Francisco Pintado ocupa o segundo posto.
Pintado, xefe do servizo de anestesioloxía do centro hospitalario burelao, foi presentado polo líder da listaxe de Cs á Cámara Baixa como “unha persoa de valor, que leva 32 anos traballando pola sanidade pública na comarca da Mariña Lucense“.
“É un profesional de recoñecido prestixio, procedente da sociedade civil e que representa a sanidade e a educación, dúas das grandes preocupacións de Ciudadanos”.
Pintado explicou que leva tres décadas vivindo en Burela e que se sinte “un mariñao e un galego de adopción“. Explicou que nunca até agora participara en política, pero decidiu unirse a Ciudadanos pola “ilusión” que lle espertou “este proxecto”, do que dixo sentirse “moi orgulloso“.
“LOITA” CONTRA A CORRUPCIÓN
Ciudadanos presentou a súa candidatura na praza de abastos de Lugo, ao entender que simboliza “o abandono da provincia” por parte de PP e PSOE; o malgasto dos fondos públicos, “tras terse gastado máis dun millón de euros no edificio e nin sequera estar acabado”; e a corrupción, ao ser adxudicada a unha empresa que estaba investigada por tramas corruptas en Madrid e anulada posteriormente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
DE OLANO E BARREIRO, “ATORNILLADOS NO SILLÓN”
“Por iso estamos en política”, asegurou o cabeza de listaxe de Cs, que se defendeu das críticas pola súa militancia no Partido Popular.
“Marchei do PP porque xa que vin que non defendía á provincia de Lugo nin á comarca da Mariña e que a presenza dos diputados e senadores do en Madrid era inútil e só estaban para manterse atornillados ao sillón“, afirmou, nomeando a José Manuel Barreiro, candidato dos populares ao Senado, ou Jaime De Olano, cabeza da listaxe conservadora ao Congreso.