EFE. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, recoñeceu que o Goberno galego está “moi preocupado” polo futuro de Alcoa en Galicia e insistiu en que o presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, é quen “ten a chave para atopar unha solución”, que pasa por establecer “un prezo eléctrico competitivo”.
Nun encontro en Viveiro, no que estivo acompañado por candidatos ao Congreso, ao Senado e ás vindeiras eleccións locais, Conde asegurou que se está “a frivolizar co tema enerxético”, cando a “tendencia” á alza dos prezos da electricidade “está afectando a todos os sectores produtivos e incluso ás familias”.
O conselleiro quixo contrapoñer “a irresponsabilidade política” do actual Executivo coa forma de actuar do Goberno anterior, porque “Alcoa sempre estivo presente na mesa de Rajoy“, como o demostra “a xuntanza que mantivo en Estados Unidos para defender os postos de traballo en San Cibrao e A Coruña“.
ENCE E A MARIÑA
Conde tamén fixo referencia ao posible peche de Ence, pola repercusión que terá na Mariña Lucense, unha comarca cun “peso moi importante” na comercialización e venta de madeira.
Desde o seu punto de vista, resulta “incomprensible” e xera “unha gran inseguridade xurídica” que a Abogacía do Estado no 2016 adoptase a decisión de validar a ampliación da concesión e que, dous anos máis tarde, “o Goberno diga que non se axusta a dereito”.
IGLESIAS PROPÓN A INTERVENCIÓN
O candidato de Unidas Podemos á presidencia do Goberno, Pablo Iglesias, prometeu este venres impulsar “unha política industrial seria” para facer fronte aos “sectores poderosos” e propuxo utilizar a Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI) para intervir Alcoa.
Nun acto público en Xixón con varios colectivos sociais, o líder de Podemos pediu aos traballadores da multinacional alumineira, que mantén os plans de pechear as súas plantas de Avilés e A Coruña, que se manteñan “organizados e fortes”.
MÁIS DUN MILLÓN DE BAUXITA MOVIDA EN 2019
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao comunicou este venres que as súas dársenas cerraron o primeiro trimestre do 2019 con máis de 3,5 millóns de toneladas de mercancías, un dato que sitúa “no podio das mellores da historia da institución”.
Para a institución, o listaxe de mercancías “transloce a importancia que a enerxía e a metalurxia continúan tendo nos muelles de Ferrol e San Cibrao”. O carbón lidera a clasificación con 1.506.117 toneladas movidas, por 1.076.271 da bauxita.