O BNG de Ribadeo presentou este domingo no Parador de Turismo ribadense a súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais, que liderará o alcalde, Fernando Suárez Barcia. Malia as discrepancias que mantivo coa dirección do partido frontista nos últimos anos, o rexedor ribadense seguirá a encabezar o proxecto nacionalista.
Suárez Barcia encabeza unha listaxe con máis mulleres (doce) ca homes (once). Mari Luz Álvarez Lastra segue no número 2 e Pablo Vizoso Galdo, vicerresponsable local do BNG, asumirá terceira praza.
Mónica Freire Rancaño ocupará o cuarto posto e Jesús Mundiña Acebo o quinto. Pilar Otero Cabarcos, o edil de cemiterios e medio ambiente Jorge Díaz Freije e Marcos Villamil irán nas posicións 6, 7 e 8 da candidatura.
Os postos 9 e 10 son para Vanesa Yanes Rivas e David Rivas Peña, edil de deportes e novas tecnoloxías. Sonia Meilán Vizoso, concelleira de servizos sociosanitarios, pasa da sexta á décimo primeira praza, mentres que Farruco Graña, concelleiro de cultura, cae da quinta á décimo segunda. Andrea Martíns Fernández pecha a listaxe.
Non estará na listaxe a concelleira de turismo e desenvolvemento local, Ana Martínez, que deixa a política, nin tampouco Vicente Castro, que asumiu as carteiras de facenda, obras e medio rural, nin Paz Ermida, de sostenibilidade ambiental.
Xoán Antón Monasterio, Paz Ramil Maseda, Óscar Chao Penabad, María Posada Expósito, Almudena Fernández Monasterio, José Rocha Fernández, María de los Ángeles Fuente Verdeal e Teresa Díaz Estévez, nesta orde, serán os suplentes.
“AMOR POR RIBADEO E POLO PAÍS”
“Todas e todos compartimos o mesmo norte: o noso amor por Ribadeo, polo noso país e por seguir facendo de Ribadeo esa estreliña, pequena, pero que xa se ve desde calquera parte do firmamento”, asegurou Suárez Barcia.
O alcalde mostrou o seu agradecemento aos que non seguirán na listaxe e asegurou que non quixo desvelar antes se se presentaría á alcaldía e se o faría polo BNG porque, por un lado, quixo “esgotar o goberno e o mandato que nos deu a veciñanza”, e por outro, porque “isto é un equipo de traballo e non o proxecto dun líder”.
PONTÓN: “É UNHA HONRA”
A voceira nacional do partido frontista, Ana Pontón, arroupou a candidatura nun concello que é o bastión do BNG na Mariña Lucense, pois Ribadeo foi o único municipio dos 16 da bisbarra no que gobernou a formación nacionalista nesta lexislatura.
“É unha honra estar aquí”, asegurou Pontón, para concluír que “o bo facer acumulado que temos no BNG, coa experiencia de moitos anos do goberno de Ribadeo, tamén pode axudar a encauzar unha política a nivel provincial, que nos últimos tempos o único que nos deu foi desgustos e exemplos do que non se debe facer desde o ámbito provincial“.
MAIORÍAS ABSOLUTAS EN 2011 E 2015
Suárez Barcia, que goberna desde 2007, optará á reelección tras acadar maiorías absolutas nos comicios de 2011 (sete concelleiros de 13) e 2015 (dez de 17).