InicioOpiniónBrexit: que volvan sacar de banda | Antonio Basanta

Brexit: que volvan sacar de banda | Antonio Basanta

Non sei por que, pero ese día erguinme cedo e comprobei escoitando a radio de mañanciña que aquela bravuconada tomaba forma en termos de resultado dun referendo

Publicada o

- Advertisement -

Lembro ben aquel espertar do 24 de xuño de 2016. Non sei por que, pero ese día erguinme cedo e comprobei escoitando a radio de mañanciña que aquela bravuconada do Brexit tomaba forma en termos de resultado dun referendo. Oh! Meu deusiño querido, pensei.

Desde entón seguino con interese, xa fora por atención profesional e laboral, porque afecta sobremaneira ao sector pesqueiro, e moito máis ao mariñao, ou porque desde sempre lindamos con Inglaterra, mar por medio, como puñan as vellas escrituras dos terreos de Lieiro e Bidueiros alá nos séculos pasados. Todo fose por interese laboral, sentimental ou simplemente, pecuniario… Para que non nos movan os marcos.

afecta á frota e moito máis á da mariña. sempre lindamos con inglaterra, mar por medio, como puñan as vellas escrituras dos terreos de lieiro e bidueiros

PROCESO CANSINO

Pero case tres anos despois teño que dicir que este proceso se está facendo cansino. Negociar con diplomáticos ingleses acostumados a lidiar nos termos internacionais non é doado, especialmente cando sabemos que os fillos da Gran Bretaña foron capaces de acadar cuestións para outros impensables coma o encorsetamento mental da Commonwealth pese a todo o que fixeron por onde pasaron (e vexamos, en contraposición, as palabras recentes de Andrés Manuel López Obrador). Así que me manteño e nos mantemos atentos para non perder o fío deste serial que tanto dano pode facer.

Coido que unha das cousas que achegou este proceso longo e ás veces con reviravoltas foi para comprender que o mundo político británico tamén ten moito de “petardeante”.

Vimos un Cameron que arreou todo polo mar abaixo contando con collelo á carreira… E escapoulle. Vemos unha May que fiou todo a controlar un partido… Que lle escapou. Vemos un Corbyn que trata de asentarse no seu partido sen perder o fío do proceso… E perdeuno. Vemos un pispante sen moito amor pola verdade coma Farage que vendería a alma por un muro coma o de Trump… E non o ten. Vemos un personaxe coma Boris Johnson que cedería todo o que no mundo ten por mandar no Partido Conservador… E mandárono a el.

unha das cousas que acreditou este PROCESO LONGO foi que a política británica tamén ten moito de ‘petardeante’

A verdade, tampouco podiamos esperar moito máis de quen foi capaz de poñer, ás primeiras de cambio, fóra do 10 de Downing Street a quen os salvou de ser invadidos pola Alemaña nazi. Se o vello Winston Churchill levantase a cabeza…

Por moito que Johnson diga no seu libro sobre o gran estadista que este non tería apostado por estar nunha gran Unión Europea, creo que o descendente do Duque de Marlborough, o noso Mambrú, si tería apostado por esa unidade, especialmente nun mundo onde os neocomunismos chinos e rusos gañan terreo no campo de batalla económico.

Eu creo que o vello do bombín e puro fumeante tería tomado a frase de Ortega y Gasset naquelo que dicía “España es el problema, Europa es la solución” e cambiaría simplemente o nome do país asejún onde estivese. Pero Europa sería sempre, e agora tamén, a solución. Especialmente cando se inza de populismos que nos din que sae máis barato esbardallar que pensar en solucións reais.

europa é sempre a solución. especialmente cando se inza de populismos que nos din que é máis barato esbardallar que pensar

SEGUNDO REFERENDO

Pero agora o caso é que facemos cos ingleses, norirlandeses, escoceses, galeses, llanitos ou os afastados falklanders das MalvinasAo meu modo de ver, ata con tanta volta lles acabará dando a gana de desandar o camiño e decidir quedarse entre nós. Case que compro esa opción visto o éxito do apoio das firmas para un segundo referendo e a cada vez máis ampla voz que acepta esa alternativa entre as posibilidades. En todo caso, volveríamos a tomar a palabra de Churchill cando apuntaba que “A menudo tiven que comerme as miñas palabras e descubrín que eran unha dieta equilibrada… E ata acabarán máis delgados!

Neste caso, de non haber Brexit, acabarei pensando que nos pasou coma aquela vez que, sendo nenos, se xogaba un partido de fútbol sala no pavillón do Rivera Casás e un dos xogadores do equipo local, situado na súa área, veu como un balón sacado de banda lle chegou á altura do peito. Por acto reflexo colleuno coas mans e, dándose conta da situación, soltouno á vez que lle reclamaba ao árbitro que repetiran o saque: “non vale, árbitro! Que volvan sacar”. Claro está que o señor colexiado pitou penalti e gol en contra que caeu. Deixa a ver si May non lle acaba reclamando a Junker e Tusk que volvan a sacar de banda…

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...