O Pescados Rubén Burela FS deu un paso de xigante nas súas aspiracións de ascenso directo despois de gañar na pista do Córdoba (1-3). O cadro que adestra Juanma Marrube queda a un só punto de alcanzar a Primeira División con tres xornadas por xogarse, despois de que o Betis caese (5-2) na pista do Noia.
Os burelaos puideron acadar a promoción directa de categoría nesta mesma xornada se non fose pola vitoria do Mengíbar (4-5) en Santiago. O equipo xienense ten 57 puntos, os mesmos ca o Betis, e queda a nove do Burela FS con outros tantos por xogarse.
O conxunto laranxa remontou de novo para acadar a vitoria. Lolo Jarque adiantou aos locais no minuto 9 logo dun inicio trabado, no que os dous equipos se cargaron axiña de faltas. Os mariñaos tiveron oportunidades para empatar, pero Edu estivo tamén atinado para resolver un par de opcións do cadro andaluz.
A un minuto do descanso, Joselito acadou un deses goles chamados psicolóxicos, o da igualada, que resultou chave.
No segundo tempo, Iago Míguez deu vantaxe ao equipo mariñao no minuto 25 e o Burela FS xa non soltou o timón do encontro. Renato ampliou a renda á media hora de xogo ao culminar un contragolpe do cadro visitante.
O conxunto laranxa cometeu a quinta falta con cinco minutos para o remate, aínda que non pasou apuros.
A PRIMEIRA BOLA DE PARTIDO, NA CASA
O Pescados Rubén terá a súa primeira oportunidade de ascenso diante dos seus seareiros. Recibirá (sábado, 17.00 horas, Vista Alegre) no derbi galego a un equipo que esta semana o favoreceu ao derrotar ao Betis, o Noia Portus Apostoli.