Alba Sanjurjo Penabad será a candidata de Compromiso por Galicia (CxG) á alcaldía de Viveiro. Desde a formación política que lidera Juan Carlos Piñeiro sinalan que se trata “dunha clara aposta por unha maior implicación da muller e a xuventude nas políticas municipais”.
Neste sentido, a executiva local de CxG traballa arreo co obxectivo de confeccionar “unha listaxe que achegue solucións reais aos problemas da Cidade do Landro”, segundo manifesta a propia alcaldable.
Sanjurjo ten 28 anos de idade e formouse como educadora no Ciclo Superior de Educación Infantil.
A viveirense quere “construír un futuro que ilusione a todos os veciños e veciñas de Viveiro. E non hai mellor forma de acadalo que facer que sumen as opinións de todos, para dotar ao Concello con alternativas posibles e deixarnos de discursos que non ofrecen nada novo e nos manteñen atrancados como comunidade”.
“XUNTAR E NON SEPARAR”
“O noso programa de acción tratará de xuntar e non de separar á xente de Viveiro”, afirma Sanjurjo, que cre que “o concello ten unhas posibilidades enormes, e CxG vén a traballar en Viveiro na tarefa de xuntar esforzos, e tamén coa determinación clara de ser consecuentes e constantes nas políticas que benefician á xente do noso pobo”.