A quinta Foliada de Cervo, que organiza a asociación cultural e recreativa Fervenza de Sargadelos, celebrarase o vindeiro 11 de maio.
A agrupación organizadora adiantou algunha das actividades do evento. Como novidade, nesta edición haberá un obradoiro de regueifa a cargo da bergantiñá Lupe Blanco e o burelao Manolo Maseda.
No taller, que comezará ás 11.30 horas, os dous repentistas achegarán aos participantes ao mundo da improvisación oral en verso. Durante a actividade traballaranse técnicas como a rima, a métrica, a estrofa, a melodía ou os recursos léxicos que caracterizan este xénero galego.
CURSOS INFANTÍS DE CANTO E PANDEIRETA
Pola tarde, desde as 16.30 horas, terán lugar dous obradoiros simultáneos de canto e pandeireta para a xente miúda e baile tradicional para todo o público. As inscricións están abertas até o 4 de maio e poden realizarse en fervenzadesargadelos@gmail.com.
FESTA DO PORCO
Como ocorreu nos últimos anos, a Foliada de Cervo coincidirá coa Festa do Porco, a exaltación gastronómica que prepara Airiños do Xunco, polo que os visitantes poderán gozar dunha xornada festiva completa.